Mondoñedo pide "convivencia pacífica" y "garantizar las libertades" en la Ofrenda do Antigo Reino
El alcalde mindoniense, Manuel Ángel Otero, recibió respuesta en la homilía de su obispo, Fernando García Cadiñanos, quien incidió en la "transformación" de la sociedad
Lugo - Publicado el - Actualizado
11 min lectura
El alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero, ha sido el encargado de realizar este domingo la Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento en la Catedral de Lugo y, como manda la tradición, recibió respuesta en nombre de la Iglesia por parte del obispo de la Diócesis de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos.
El domingo siguiente a la celebración del Corpus Christi tiene lugar en Lugo este acto institucional y religioso en el que participan los mandatarios de las antiguas capitales del Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos y Tui.
Con la ofrenda y la posterior procesión por la ciudad, los mandatarios de las siete ciudades renovaron el voto solemne que hicieron en 1669, ante las dificultades económicas de la Catedral de Lugo, para dotarla de una renta anual con la que iluminar el Altar Mayor de la basílica, donde permanece expuesto de forma permanente, las 24 horas de los 365 días del año, el Santísimo Sacramento.
Ofrenda del alcalde de Mondoñedo
Santísimo Señor Sacramentado,
Preséntome hoxe ante Vós, como delegado Rexio do Antigo Reino de Galicia, en representación das sete cidades do Reino e como alcalde dunha delas, Mondoñedo.
Lugo establécese como a “cidade do Sacramento”, por alusións textuais de cronistas da cidade, asociada a un complexo relixioso, cerimonial e simbólico como é o Voso Culto, o culto eucarístico do Sacramento.
A Vosa Ofrenda formalizouse na Coruña en 1669, impoñéndose 12 requisitos para a concesión do donativo. Na 7ª, describíase a realización dunha cerimonia que fixese visible ese donativo aos ollos do pobo, base actual da cerimonia que vimos hoxe a realizar como todos os anos na Catedral de Lugo o domingo posterior ao Corpus Christi.
Rogámosvos, Soberano Santísimo, que manteñas presente en nós a importancia da memoria colectiva e a cohesión social, tantas veces posta en dúbida por intereses particulares. Como xa sinalara por mor dos conflitos bélicos e sociais existentes, que o diálogo sexa o motor deste camiño, e a paz o obxectivo a conseguir.
Fronte á exclusión, a empatía. Fronte a individualidade, apoio e entendemento comunitario. Manter a memoria hereditaria desta solemne cerimonia contribúe a expresar fenómenos de permanencia e cambio socio-cultural ao mesmo tempo. Contribúe tamén, a manter a complexidade convivencial e patrimonial da sociedade galega.
Orgullosos e orgullosas do noso acervo, non debemos esquecer que o patrimonio desempeña un papel importante na comprensión dos pobos. E en particular o patrimonio inmaterial, como legado que se mantén «vivo» grazas á acción das comunidades.
Este patrimonio inmaterial serve de referente educativo para unha cidadanía crítica, na que o importante é respectar o herdado, permitindo ao mesmo tempo a diversidade existente.
O pensamento social, a vida en comunidade, é esencial para construír unha interpretación que evite a manipulación da Historia, da cultura, dos valores e das normas de convivencia. É imprescindible para unha mellor comprensión do pasado, unha axeitada lectura da realidade existente e unha intervención orientada a atopar mellores alternativas para o futuro.
Pregámosche, Soberano Santísimo, que ilumines o camiño dos veciños e veciñas das 7 capitais do Reino, e permitas que o patrimonio inmaterial sexa base da educación para unha cidadanía como a galega, que ten moitas cousas que destacar. Unha cidadanía honrada e xenerosa, traballadora e enérxica.
Rogámosche que as xeracións actuais manteñan as virtudes galegas herdadas e que son guía para a determinación do que é considerado correcto.
A permanencia e o cambio. Parella indiscutible de desenvolvemento en Galicia. Somos unha das comunidades con máis persoas centenarias do mundo. Somos centenarios en persoas e milenarios en patrimonio. E ao mesmo tempo, somos unha sociedade cunha proxección científica en constante avance, que participa do estudo desa lonxevidade excepcional que podería contar, se así se determina finalmente, cos mellores estándares de calidade de vida das persoas maiores galegas.
Galicia, e xa anteriormente o Reino de Galicia que hoxe se presenta ante Ti nesta Ofrenda, destaca por ser unha terra de oportunidade para compartir co mundo os segredos que nos converten nun lugar axeitado para nacer, crecer e facerse maior.
Deste xeito, desde a nosa comunidade promóvese a investigación para observar se un mesmo estilo de vida, o galego neste caso, e o entorno natural inflúen nunha lonxevidade excepcional. Máis alá dunha España baleirada, en Galicia apostase por mellorar cada día a calidade de vida das persoas que a compoñen, independentemente do seu lugar de residencia.
Galicia impulsa pois, proxectos como o recoñecemento da comunidade como Zona Azul, zona de alto valor para con a lonxevidade. Pero tamén, a investigación, unida aos procesos innovadores, como a cada vez máis coñecida intelixencia artificial. A nosa comunidade estase a converter en referente da tecnoloxía disruptiva sendo recoñecida como sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial e pioneira en propoñer unha regulación referida á intelixencia artificial, tendo en conta o marco europeo.
Rogámosche, señor Sacramentado, que veles pola aplicación mesurado destas tecnoloxías e o seu emprego a favor do ben común.
Chegado desde Mondoñedo, pídovos renovar a Ofrenda que o Pobo Galego mantén con Vós, vixente aínda, grazas ás raíces fortes e asentadas dunha sociedade como a galega.
Incorporo na miña Ofrenda aos galegos e galegas, tanto a aqueles que naceron nesta terra como os que habitan nela, así como aqueles que, a pesar des estar lonxe, seguen formando parte dela.
Pedímosche hoxe que acompañes no seu sufrimento aos veciños e veciñas que así o precisen, que permitas que as persoas dirixentes atopen o camiño para conseguir que Galicia siga sendo exemplo de concordia, dun futuro social xusto, igualitario e que non deixe a ninguén en risco de exclusión.
Rogámosche, señor Sacramentado, que protexas e ilumines a todos e todas os responsables de garantir as liberdades e a convivencia pacífica entre os pobos de España.
Pedímosche, Soberano Santísimo, que continúes velando por nós, polas autoridades das capitais que formaron o Reino: Santiago, A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui. Para axudarnos a cooperar en beneficio das persoas; ampara aos nosos conveciños para atopar solucións ás problemáticas existentes.
Protexe tamén aos participantes das institucións e axentes sociais aquí representadas. Guía sempre as nosas decisións.
Así sexa.
Homilía del obispo de Mondoñedo-Ferrol
Excelentísimo Sr. Oferente, alcalde da miña querida cidade de Mondoñedo; queridos irmáns no episcopado; ilustrísimo Cabido da Catedral; excelentísimas e ilustrísimas autoridades; queridos irmáns e irmás no Señor:
Seguindo unha tradición multisecular acudimos á Cidade do Sacramento, cidade que nos acolle na súa bela catedral e a través da comunidade cristiá que lle dá vida cada día. Esta catedral, como todas, é a sé do bispo, pero tamén o fogar e o signo dunha comunidade cristiá que pretende iluminar e encarnar o mesmo e único evanxeo nos tempos distintos que nos toca vivir.
Acudimos a este templo sentíndonos peregrinos que vimos de diferentes lugares e que necesitamos alimentarnos no noso camiñar pola vida. A certeza do noso peregrinar é e convértese nunha forma de vida, nunha espiritualidade, nunha maneira de relacionarnos entre nós e o creado. O peregrino séntese débil e necesitado, fortalecido pola axuda dos demais e urxido a alimentarse para non desfalecer e para atopar sentido nos seus pasos. Nesta eucaristía hoxe ofrécesenos o alimento e o silencio contemplativo como luz no noso camiño.
Ademais, facémolo sentíndonos pobo, comunidade cunha historia e identidade común, que nos vincula e nos une. É fermoso descubrirse como pobo que ten a súa unidade en elementos materiais, pero tamén noutros elementos inmateriais aos que o Señor Oferente facía mención. Elementos intanxibles pero fundamentais para a convivencia que habemos saber transmitir. A estes elementos corresponde esta festa que nos vincula ás sete cidades do Antigo Reino de Galicia e ás cinco dioceses galegas. Precisamente, a eucaristía convértese así no que é: sacramento de unidade. Na diversidade e pluralidade das nosas cidades, na riqueza do que somos e como nos expresamos, atopamos a unidade de sentirnos irmáns ao redor da mesa eucarística á que o Señor nos convoca. Na nosa bandeira e no escudo dalgunhas das nosas cidades, entre elas a de Mondoñedo, a beleza eucarística exprésase como presenza do que a herdanza cristiá deixou na súa cultura, nos seus valores e na súa esencia. Pero non só é un recordo e legado, é tamén compromiso de unidade e de proxección fermosa no futuro como sociedade.
Paréceme que estes tres elementos, a cidade do sacramento, o sentirnos peregrinos e o facelo como pobo, unifícanse nesta Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento. E fano cunha preciosa harmonía.
Ademais, gustaríame dar un paso máis. Acudir aquí para referendar o noso compromiso de que se manteña perpetuamente viva neste altar a luz da candea, descóbrenos necesitados de luz e agradecidos ao que é a Luz do mundo.
Certamente, a eucaristía foi, é e será espazo e momento de luz para todos os crentes. Cantos grandes santos e cantos “santos dos da porta do lado” atoparon na eucaristía a luz que necesitaban! Cantos cristiáns desta cidade, como noutros lugares semellantes en cada unha das nosas dioceses, atoparon aos pés da eucaristía a resposta, a esperanza e o alento aos seus interrogantes e cansazos! Que necesitados estamos de descubrir e acudir a esta luz que, desde aquí, recibimos como regalo e que afasta medos, tormentas, inquietudes, dúbidas!
Non estraña, por tanto, que a nosa ofrenda hoxe sexa recordatorio do que a eucaristía é, pero tamén agradecemento polo que nela recibimos e se nos regala. Así sentiron os nosos maiores cando se comprometeron a acudir ata aquí solemnemente e en representación de todo o pobo. Seguindo esta tradición e facéndoa nosa percibimos a urxencia de que na nosa sociedade non andemos ás escuras, nin nos falten os referentes que nos axudaron como sociedade e como pobo: cando aparecen escenarios de futuro que nos estremecen, cando os problemas que temos que afrontar nos superan, non esquezamos a luz que ao longo dos séculos foinos iluminando e acompañando como Igrexa, como pobo e como sociedade. Nela podemos seguir descifrando e escribindo a nosa historia.
Ao papa Xoán Paulo II gustáballe indicar que a eucaristía se convertía sempre en “escola de paz, escola de amor, escola de discipulado”. Paréceme unha imaxe preciosa para recoñecer a grandeza, a beleza e o significado da eucaristía. Voltemos á nosa infancia, cando eramos nenos e acudiamos á escola do noso barrio, da nosa aldea. A escola era un lugar significativo, importante, apreciado, que nos facía crecer, que nos axudaba a ser, que nos abría horizontes de pensamento e coñecemento, de humanidade e de sabedoría. Era o lugar onde aprendiamos, desde a nosa debilidade, ou onde nos deixabamos modelar desde as nosas capacidades. Era o espazo onde se nos convidaba a ensaiar e tentar iso que o Señor Oferente nos indicaba: combinar a permanencia e o cambio, o que vale a pena gardar e os camiños novos que temos que ensaiar.
Que fermoso sería se os crentes sentísemos esta experiencia na eucaristía que celebramos e que adoramos! Que grandes seriamos se experimentásemos a eucaristía como esa escola permanente á que acudimos cada día para deixarnos ensinar, para poder discernir os tempos novos aos que nos enfrontamos, para cambiar a nosa mirada e transformala pola mirada de Xesús cara ás persoas, cara aos problemas, cara ás cousas! No fondo, que sabios seriamos se recoñecésemos como certas as palabras de santo Agostiño que, ao comulgar, lembrábanos: “Non me transformarás en ti como asimilas os alimentos da carne, senón que ti transformaraste en min”.
Transformarnos en Cristo, cristificarnos, é o que produce en nós a eucaristía. Algo que hoxe proclamamos especialmente, neste día en que votamos un novo parlamento para Europa. Unha Europa que busca ás apalpadelas o que quere ser, que ten medo a abrirse e perder o seu benestar, que ten dificultades para sentirse unha unidade de proxecto común, que parece virar só ao redor da economía en lugar da sacralidade das persoas. “Cara a onde camiñas Europa?”, preguntábase o papa Francisco na pasada Xornada Mundial da Xuventude de Lisboa na que algúns puidemos participar. Unha pregunta á que hoxe, como cidadanía, esperamos dar unha resposta. E farémolo adecuadamente se apostamos por construíla desde os valores que os pais fundadores da Unión Europea configuraron este soño europeo: paz, liberdade, solidariedade, unidade, dignidade… Ou como a Igrexa nos lembra desde catro verbos que son un proxecto político en todos os escenarios: acoller, protexer, promover e integrar ás persoas.
A eucaristía espértanos sempre a un horizonte universal, de fraternidade e de respecto á dignidade da persoa. Como dicía o Papa hai poucos días: “A eucaristía impúlsanos a un amor fortemente comprometido co próximo, porque non podemos comprender e vivir o seu significado verdadeiramente se temos pechado o corazón aos irmáns e ás irmás, especialmente aos que son pobres, sofren ou están perdidos na vida”. E é que, como nos lembra a Palabra de Deus proclamada este domingo, cada vez que celebramos a eucaristía actualízase o misterio da entrega de Deus por nós na cruz, o signo do amor que El che ten, que El che ofrece. Contemplar, participar, adorar á eucaristía, como ao sol do verán que tingue a nosa pel, transfórmanos tamén en persoas e sociedades que loitan, se entregan, inclúen, dánse, constrúen proxectos de fraternidade e de futuro para todos.
É o meu desexo para Mondoñedo, para Galicia e para Europa. Que o Señor Eucaristía nos bendiga, garde e transforme. Amén.