Bastonciños e colchóns na praia do Orzán: retiran máis de 140 quilos de lixo nunha soa mañá
Voluntariado da Asociación Down Coruña e do Espazo +60 Afundación participaron na xornada

Limpeza do lixo na praia do Orzán
Coruña - Publicado el
2 min lectura
Preto de 20 persoas, fundamentalmente voluntarias da asociación Down Coruña e do Espazo +60 Afundación da cidade herculina, participaron este martes nunha xornada de voluntariado ambiental dedicada á retirada de lixos mariños da praia urbana do Orzán, sensiblemente castigada tralo paso dos últimos temporais deste inverno.

Limpeza do lixo na praia do Orzán
O operativo de limpeza, repartido en grupos ao longo de toda a praia, centrou o traballo, entre as 11 e as 13.30 h, en localizar todo tipo de residuos, principalmente de pequeno tamaño, moi difíciles de quitar nas limpezas de praia realizadas con maquinaria e que producen un alto impacto no medio mariño.
Todo tipo de residuos
As voluntarias e voluntarios retiraron obxectos voluminosos como un colchón, dous palés, un pneumático ou dúas mochilas; distintas pezas de roupa e outros restos téxtiles, calzado, unha xiringa, unha maquina de afeitar ou un chupete; artigos de hixiene persoal como panos desbotables, tampóns ou bastonciños, que chegan aos areais tras ser lanzados indebidamente polo inodoro.

Clasificación e reconto do lixo
Tamén se retiraron durante esta acción ambiental numerosos plásticos degradados sen identificar, algúns cabos e paus de batea, restos de envoltorios ou cabichas. Así mesmo en distintos puntos do areal había numerosos restos de botellas de plástico e latas, procedentes principalmente da práctica do botellón.
Proxecto Plancton
Unha vez, realizados os labores de clasificación púxose fin a actividade co reconto e peso dos residuos recolleitos, sumando un total de 140 quilos. Trátase da segunda ocasión que Afundación realiza unha limpeza de lixo mariño no marco de PLANCTON na cidade de A Coruña trala realizada no mes de xuño en Riazor con motivo do Día do Medio Ambiente, retirando daquela máis de 20 quilos de refugallos plásticos.

Foto de grupo
Con actuacións como a de hoxe, a Obra Social de ABANCA procura a través do seu proxecto PLANCTON fomentar a conservación e a sostibilidade de todas as actividades socioeconómicas desenvolvidas no mar e na costa, promovendo entre todos os ámbitos da sociedade xeitos de actuar responsables que aseguren a conservación dos actuais recursos sen chegar a comprometelos para as xeracións futuras. Todo isto, acorde ao seu compromiso cos obxectivos de desenvolvemento sostible, especialmente como no caso que nos ocupa, co ODS13 Acción polo clima, co ODS14 Vida submariña e co ODS17 Alianzas para lograr obxectivos, implicando na actividade a diversos colectivos do terceiro sector coma na xornada de hoxe.