A Deputación da Coruña financia con 60.000 euros o servizo de Asesoría Xurídica Social do Consorcio das Mariñas

O convenio permite ofrecer asistencia xurídica a persoas derivadas polos servizos sociais de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada

Deputación da Coruña

Sinatura do convenio

Redacción COPE Coruña

Coruña - Publicado el - Actualizado

2 min lectura

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente do Consorcio das Mariñas e alcalde de Abegondo, Jose Antonio Santiso Miramontes, asinaron hoxe na sede da institución provincial o convenio para o mantemento da Asesoría Xurídica Social do Consorcio das Mariñas durante o ano 2024, un servizo que dende hai anos vén prestando apoio xurídico especializado a persoas e familias derivadas polos servizos sociais dos oito concellos que integran o Consorcio (Abegondo, Betanzos, Bergondo Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada). 

A Deputación da Coruña subvenciona este ano con 60.000 euros os custes do servizo, permitindo a contratación de dúas asesoras xurídicas especializadas en cuestións sociais (estranxeiría, desafiuzamentos, dereito de familia, laboral, violencia de xénero…) e dunha adimistrativa.

Este servizo compartido polos oito concellos do Consorcio atendeu durante o ano 582 consultas, unha elevada demanda que amosa “a súa utilidade para ofrecer apoio xurídico e asesoramento na resolución de conflitos a moitas persoas en situacións especialmente vulnerables ou en risco de exclusión social”, explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso.

As actuacións incluídas no ámbito deste convenio non se limitan a un simple asesoramento e orientación xurídica, senón que tamén se realiza a tramitación de procedementos, a elaboración de documentos, xestións ou intermediacións ante outros organismos ou entidades, apoio ao servizo de xustiza gratuíta prestado por outros profesionais, etc.

en función da demanda

A atención e a frecuencia de asistencia a cada concello organízase en función da demanda e da poboación que hai en cada un deles, así vai dende os cinco días de atención mensuais nos concellos de máis poboación (Culleredo, Cambre e Oleiros) aos dous días ao mes nos mais pequenos (Abegondo, Carral e Bergondo), pasando polos catro días de atención nos dun tamaño intermedio (Betanzos e Sada).

O presidente do Consorcio, José Antonio Santiso, explicou que se trata dun servizo “moi valorado por todos os concellos, dada a súa alta especialización” e púxoo como exemplo de “colaboración entre institucións, cun importante aforro de custes que lles permite aos concellos dispor dun servizo que, de xeito individual, sería imposible de manter”.