A Deputación da Coruña reivindica neste 8M os dereitos das mulleres migrantes
Celebran no Circo de Artesáns unha xornada dedicada aos retos e resistencias deste colectivo, sometido a unha triple discriminación

Entrevista a Soledad Agra, deputada de Igualdade na Deputación da Coruña
Coruña - Publicado el - Actualizado
3 min lectura
O coruñés Circo de Artesáns acolleu este venres as xornadas ‘Retos e resistencias das mulleres migrantes’ co obxectivo de reivindicar as múltiples barreiras que enfrontan no seu proceso de integración social, laboral e cultural e no exercicio pleno dos seus dereitos. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso e a deputada de igualdade, Sol Agra, foron os encargados de inaugurar o encontro, onde destacaron o compromiso da entidade provincial coa “igualdade real e efectiva entre homes e mulleres os 365 días do ano”
“Soñamos co día no que o 8M recordemos que a loita das mulleres durante décadas logrou a igualdade plena e efectiva de dereitos na sociedade de progreso, pero a pesar dos enormes avances aínda hai moito traballo por facer” sinalou o presidente, que tamén destacou “a visión tan aberta” do departamento de igualdade “tendo en conta outras realidades” como a das mulleres migrantes, “que teñen que asumir retos como o de chegar a outro país e incorporarse a unha sociedade tan distinta. Ao que se suma o feito de ser muller e, ás veces, tamén en función da súa orixe étnica se ten que enfrontar a discriminación por raza”. E apuntou que “este triple reto merece adicarlle un 8M”.
Formoso parafraseou a Simone de Beauvoir: “os dereitos das mulleres non están adquiridos definitivamente. Cando hai unha crise política, social ou económica, volven estar en cuestión” e rematou sinalando que “hoxe e os 364 días restantes do ano falemos disto pero fagamos moito, con políticas e discursos moi activos porque é a única maneira de pelexar contra a política de bulos que fomentan a concepción discriminatoria das mulleres e mulleres mediáticas”.
Triple discriminación
A deputada de igualdade fixo referencia á “triple discriminación” que sofren as mulleres migrantes, “por xénero, procedencia e situación socioeconómica” e expresou que a Deputación da Coruña “é esa administración aliada que promove iniciativas os 365 días do ano para fomentar a igualdade real en todos os estamentos da sociedade”. Por iso, “este ano quixemos poñer o foco na discriminación que sofren as mulleres migrantes para visibilizar as múltiples barreiras que enfrontan no seu proceso de integración e no exercicio pleno dos seus dereitos”. A través desta xornada “queremos dialogar e reflexionar sobre as experiencias, desafíos e estratexias de resistencia das mulleres migrantes na nosa sociedade”.

Un momento da xornada
Sol Agra explicou tamén o obxectivo da área de igualdade da Deputación: “colaborar con entidades que xa están traballando no territorio e que coñecen de primeira man as problemáticas das persoas ás que van dirixidas as nosas accións”. “Deste xeito”, engadiu “o apoio político e institucional serve para o que ten que servir: transformar a sociedade e convertela nun lugar amable para todas, porque o feminismo é unha cuestión de xustiza social. Xuntas cambiaremos o mundo”.
Tralas intervencións institucionais deu comezo o encontro, coordinado pola entidade Yarama Africa, que deseña e desenvolve proxectos sociais e culturais cun importante transfondo social sobre feminismo, antirracismo e compromiso social, cunha primeira ponencia sobre “violencias invisibles” a cargo de Edith Espínola, activista antirracista e defensora dos dereitos para as traballadoras do fogar e coidados, portavoz de SEOAC e do movemento REGULARIZACIONYA. Posteriormente, continuaron os relatorios sobre interseccionalidades, diversidade étnica e de xénero con diferentes activistas como Quinndy Akeju, Soledad Lucero, Jeane Costa e Gabriela Frías, rematando co monólogo antiracista e afrofeminista de Asaari Bibang.