Gadis apoia a Cáritas na construcción dunha vivenda social para maiores na Coruña

A cadea de supermercados realiza unha achega económica de 10.000 € para o desenvolvemento deste proxecto, que beneficiará a persoas maiores con dificultades de acceso á vivenda

Gadisa

Reunión en Cáritas para estudar o avance do proxecto

Redacción COPE Coruña

Coruña - Publicado el

1 min lectura

Supermercados Gadis colabora con Cáritas para que poida sacar adiante o proxecto que ten en marcha: a construción dunha vivenda comunitaria para que persoas maiores, con autonomía pero en situación de vulnerabilidade, poidan vivir acompañados. A doazón realizada pola cadea galega ascende a 10.000 euros.

A soidade non desexada dos maiores e o envellecemento da poboación son dous dos desafíos aos que se enfronta a sociedade. Retos cos que a empresa está sensibilizada e comprometida, de aí o seu apoio a esta iniciativa que Cáritas emprendeu no barrio coruñés de San Pedro de Visma.

O obxectivo é construír un edificio comunitario con espazo para que poidan ter calidade de vida de forma autónoma un máximo de 12 adultos, para os que a vivenda supón un factor de risco de exclusión social e carecen de recursos socio-familiares de apoio.

Entrega da doazón económica

A directora de Marketing e RSC de GADISA Retail, Melisa Pagliaro, reuniuse coa directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, para comentar o avance do proxecto e facer entrega da achega económica. Ambas coincidiron na importancia do apoio por parte das empresas á institución que, con esta iniciativa, traballa para atopar solucións a un dos principais problemas da poboación nestes momentos. Segundo os datos que manexa Cáritas, o acceso á vivenda constitúe o primeiro factor de exclusión social en Galicia cun 35,3% dos cidadáns afectados.

Gadis, coas persoas

A solidariedade é un dos valores que articula o programa de Responsabilidade Social Corporativa de Gadis, que está comprometida coas persoas, a economía e o planeta. Coa proximidade como sinal de identidade, con este respaldo trata de dar resposta ás necesidades do colectivo de maiores.

Temas relacionados