Pirotecnia, de Alberto Ramos, gaña a XVIII edición do Premio Narrativa Breve Repsol

O xurado destaca o “estilo impecable” e a “habelencia polifónica” da obra, na que os sucesos relatados se entretecen como contrapunto

Redacción COPE Coruña

Coruña - Publicado el

5 min lectura

      
      
             
      

A obra baixo o lema Pirotecnia de Alberto Ramos resultou gañadora da XVIII edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou esta mañá o voceiro do Xurado, Daniel Ugarte, no auditorio do Complexo Industrial de Repsol na Coruña. Con este recoñecemento, Ramos, convertese por segunda vez en gañador deste galardón do mesmo xeito que o foi no 2022 coa súa novela Os corpos dos Romanov.

Alberto Ramos

O acto do ditame contou coa presenza de representantes das entidades impulsoras do premio, o secretario xeral de Lingua, Valentín García, a directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, e o director xeral da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo.

O Xurado da XVIII edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: o director de Edicións da Galaxia, Marcos Calveiro; o escritor e gañador da XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol, Fran Fernández Davila; a critica literaria é nomeada pola Real Academia Galega como membro do Xurado, Montserrat Pena; o tamén crítico literario, Armando Requeixo Cuba, e o escritor galego residente en Bruselas e nomeado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Daniel Ugarte.

Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o galardón está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia. O acto de entrega do Premio terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña.

pirotecnia

Na súa XVIII edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 40 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.

Daniel Ugarte, voceiro do Xurado desta edición, trasladou no acto que Pirotecnia está narrada cun estilo impecable, e conta cunha habelencia polifónica, na que os sucesos relatados van entretecéndose contrapuntísticamente. “Pola calidade dos seus diálogos, a caracterización dos personaxes e a acaída recreación de atmosferas, esta novela constitúe un excelente retrato da complexa sociedade galega que nos tocou vivir”.

      
             
      

Repsol

Imaxe do xurado

o gañador

Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986) licenciouse en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en 2009. Iniciou a súa traxectoria profesional na sección de cultura no diario Xornal de Galicia. tras o peche da cabeceira, continuou a súa carreira como colaborador en medios como Praza, Nós Diario ou Luzes e especializouse na comunicación de iniciativas culturais.

Iniciouse na crítica literaria en 2006 con Dor pantasma (Biblos, 2006), título co que acadou o premio Biblos-Pazos de Galicia de novela. En 2009 gañou o Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia coa obra Con acuse de recibo (Biblos, 2010). Fíxose co premio de creación literaria Vicente Risco en dúas ocasións: en 2012 con Todos os días (Sotelo Blanco, 2013) e no 2018 con A simetría das bestas (Urco, 2018).

A súa novela Máscaras rotas para Sebastian Nell (Galaxia, 2014) foi merecedora do Premio García Barros en 2014. En 2022 publicou Os corpos dos Romanov (Galaxia, 2022), titulo galardoado co Premio Narrativa Breve Repsol. En 2023, acadou o premio Rafael Dieste de textos teatrais coa obra, Conxo, no restraint.

      
             
      

O Premio Narrativa Breve Repsol: case vinte anos creando literatura galega

O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 polo Complexo industrial de Repsol da Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galega. No 2010, Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame, que, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as anteriores obras gañadoras.

Na primeira edición, en 2006, o xornalista Miguel Sande, conseguiu este galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, conseguiu un accésit por O insomnio dous centauros.

A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Ánxeles Sumai, e na terceira o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón por A verdade como mal menor.

      

Na edición 2010 o premio foi para o escritor Xurxo Sierra, pola súa obra Os Fios. Microbios e outros paquidermos de Fernando Díaz-Castroverde gañou a edición de 2011.

En 2012, o galardón foi para A forma das nubes, de María López Sandez; mentres que no 2013 a novela curta gañadora foi O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila.

No 2014 Santiago Lopo conseguiu o premio grazas á súa obra A Diagonal dos Tolos e no 2015 a novela galardoada foi Fontán do vigués de Marcos Calveiro. Daniel Asorey converteuse no gañador da edición de 2016 con Nordeste.

O xornalista, escritor e profesor, Xosé A. Neira Cruz, obtivo o galardón por O sono das sereas no 2017 e o monfortino Antón Lopo, gañou no 2018 pola súa obra Extraordinario.

Nas edicións de 2019 e 2020 foron galardoados dous novos escritores galegos: Gonzalo Hermo pola súa obra Diario dun enterro e Berta Dávila converteuse por segunda vez en gañadora deste galardón coa súa novela breve Illa Decepción.

No 2021, a novela Eternity do escritor Xosé Monteagudo foi a obra elixida polo para obter o premio, e no 2022 foi o xornalista e escritor, Alberto Ramos, pola súa novela Os corpos dos Romanov.

No 2023, o último gañador do galardón foi Fran Fernández Davila pola súa obra Groenlandia, que se atopa actualmente dispoñible en librerías tras a súa publicación en decembro.

O certame contou desde o seu nacemento en 2006 coa participación de case 600 obras orixinais de escritores galegos.

Temas relacionados