Un premio para a investigación galega do máis alto nivel
A Fundación Barrié e a Real Academia Galega de Ciencias acorda crear tres galardóns cunha dotación de 5000 euros cada un
Coruña - Publicado el
2 min lectura
A Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié asinaron este mércores un convenio para a creación dos “Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC”. Estes galardóns nacen co obxectivo de recoñecer a investigación do máis alto nivel que se desenvolve na nosa comunidade. No acto de sinatura estiveron o presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, e a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero Vázquez-Gulías.
No trascurso do acto, o presidente da RAGC remarcou “o enorme agradecemento da Academia á Fundación Barrié polo seu apoio nesta iniciativa, que ten o dobre obxectivo de divulgar e recoñecer”. Puxo de relevo que a creación destes premios de investigación permitirá dar a coñecer, tanto á comunidade científica en particular como á sociedade galega en xeral, a ciencia de maior nivel que se está xerando en Galicia, á vez que pretende ser un impulso aos investigadores e investigadoras que, día a día, se esforzan por lograr avances significativos no coñecemento.
Pola súa parte, a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero Vázquez-Gulías, salientou que "a sinatura deste convenio dá continuidade a unha colaboración coa RAGC que se remonta a 1979, na que ámbalas dúas entidades sumamos forzas para impulsar a ciencia galega e a súa capacidade para facer avanzar a nosa comunidade".
universidades e centros de investigación de Galicia
Este certame distinguirá traballos pertencentes a tres áreas de coñecemento -Ciencias Básicas, Ciencias Técnicas e Ciencias Sociais-, cunha dotación de 5000 euros cada un dos tres premios. En cada unha das categorías poderá concederse un accésit (dous no caso da rama de Ciencias Básicas). Tal como se recolle nas bases dos premios, poderán concorrer aos mesmos todas as persoas investigadoras que presenten un traballo realizado total ou parcialmente en universidades e centros de investigación de Galicia.
Os traballos de investigación deben estar realizados nalgunha das áreas temáticas das seccións da Academia: Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; Química e Xeoloxía; Bioloxía e Ciencias da Saúde; Ciencias Técnicas; ou Ciencias Económicas e Sociais. Só poderá presentarse unha candidatura por solicitante e os traballos deben estar publicados ou aceptados para publicación en revistas de difusión internacional con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2023.
O prazo remata o 10 de xaneiro
As candidaturas deberán presentarse a través dun formulario electrónico dispoñible na páxina web da RAGC (www.ragc.gal). Describirase o traballo, salientando a súa orixinalidade e explicando a importancia dos principais resultados acadados ata o momento. O prazo da convocatoria remata o vindeiro 10 de xaneiro. O xurado estará composto pola presidencia da RAGC e polas presidencias das cinco seccións da entidade -ou persoas nas que deleguen-. As premiadas e premiados recibirán os seus galardóns nun acto que se celebrará a principios do vindeiro ano, coincidindo coa apertura do curso da Real Academia Galega de Ciencias.