A automatización robótica (RPA) axilizará 165.000 pagos en procesos xudiciais ao ano en Galicia
A Xunta quere estender a automatización a outros 20 procedementos administrativos co uso das tecnoloxías de intelixencia artificial e robótica
Madrid - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
Cada ano na Comunidade Autónoma de Galicia tramítanse un mínimo de 165.000 procesos vencellados á xestión de contas de consignación e depósitos xudiciais. Tarefa que consume un grande esforzo ao persoal empregado público, encargado da revisión de ingresos e transferencias.
Pois ben, para axilizar e reducir os prazos desa tramitación e liberar aos funcionarios desa tarefa, que poderán dedicarse a tarefas de maior valor, a Xunta de Galicia está a pilotar a aplicación de tecnoloxías de automatización robótica de procesos, tamér coñecida como RPA.
Segundo informa a administración autonómica galega, as contas de consignación e depósitos xudiciais permiten á cidadanía realizar ingresos vinculados a un proceso xudicial concreto, así como recibir os importes que determine o órgano xudicial. A aplicación da robótica permitirá obter o detalle dos movementos de ingresos e transferencias recibidas para cada xulgado, cruzar os datos entre o número de conta e o expediente xudicial correspondente no sistema de información Minerva e cargar o PDF deste movemento no expediente xudicial correspondente.
PLATAFORMA DE AUTOMATIZACIÓN INTELIXENTE
Este é un dos preto de 20 procedementos nos que se está a pilotar a aplicación da automatización, tanto na Administración xeral autonómica como no eido xudicial. Pero a Xunta de Galicia busca estender o uso das tecnoloxías de intelixencia artificial e robótica aos procedementos administrativos de xeito progresivo grazas á plataforma de automatización intelixente que comezou a desenvolver en 2022.
Esta plataforma permite dar resposta áxil ás necesidades de tramitación de grandes volumes de expedientes que inclúen procesos repetitivos; reducir os tempos de tramitación e dar un mellor servizo á cidadanía, e incrementar a capacidade de tramitación das unidades administrativas, evitando que as persoas realicen tarefas que poden ser automatizadas.
As principais vantaxes da aplicación destas tecnoloxías é que facilitan a revisión de grandes volumes de datos de maneira automática de xeito que liberan ao persoal empregado público de tarefas repetitivas e automáticas, e poden dedicarse a tarefas de maior valor.