Así se recolle a ameixa e o berberecho en Muros: "hai que facer moita forza"

Adela Lestón, presidenta das mariscadoras a pé de Muros
Madrid - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
Segundo os datos da Xunta de Galicia na comunidade hai a día de hoxe unhas 4.000 persoas que se adican ó marisqueo a pé, a maioría mulleres que capturan a diario ameixas e berberechos.
O que as diferencia das súas contrapartes, os mariscadores a flote, é a maneira na que extraen o marisco do mar. As mariscadoras a pé realizan a súa tarefa directamente na praia, aproveitando as mareas baixas e camiñando con firmeza sobre a area. En moitos casos, chegan a mergullarse na auga ata a cintura.
Por outra banda, o marisqueo a flote, maioritariamente realizado por homes, implica o uso de botes. Estes mariscadores utilizan rastrillos suxeitos a longas varas de madeira para alcanzar o fondo.
Máis dun cento de persoas mariscando en Muros
Na Ría de Muros e Noia, unha das áreas máis produtivas de Galicia en canto a marisqueo, a campaña de captura está a chegar ao seu termo. Coa chegada de setembro, as mariscadoras a pé cesarán nas súas labores, xa que dará comezo a tempada de marisqueo a flote.
O proceso de traballo das mariscadoras comeza coa decisión da zona na que van traballar. Esta elección é crucial, xa que o éxito da súa xornada depende en gran medida desta decisión estratéxica. Adela Lestón, presidenta da agrupación de mariscadoras de Muros, destaca o duro traballo que implica esta labor, pero tamén resalta a paixón e o orgullo que senten polo seu oficio.
"Hai que facer moita forza, tirar para atrás do aparello para ver se hai ameixa ou berberecho".
Mercedes, unha das mariscadoras, comenta que aínda que as capturas deste ano non foron tan abundantes como esperaban, o alto prezo do marisco fixo que valera a pena saír a faenar.
Dende terra firme observa o traballo das mulleres mariscadoras Maurizio, un turista italiano que quedou impresionado. "É algo moi especial", e afirma que a partir de agora vai valorar moito máis cando deguste marisco nun restaurante.