Os segredos que agochan os lavadoiros de Galicia
O lavadoiro de Picaños, no barrio compostelán de Sar, é único e singular. Se ben é certo que non hai dous iguais. Este patrimonio arquitectónico galego di moito da nosa sociedade
Santiago - Publicado el - Actualizado
3 min lectura
O BNG de Santiago denunciaba nas últimas horas o abandono do lavadoiro de Picaños, en Sar. Un lavadoiro de planta octogonal, con oito postos de lavado e cunhas vistas á cidade histórica da capital galega excepcionais.
O Bloque lamenta o seu estado actual: a pesar de estar catalogado, prolifera a suciedade ou a maleza na contorna. Piden ao goberno local que leve a cabo o labor de conservación deste espazo singular.
Logo desta denuncia quixemos saber máis sobre este lavadoiro en concreto. Dende APATRIGAL, a Asociación para a defensa do patrimonio cultural galego, a antropóloga e arqueóloga Ana Filgueiras, cóntanos que a historia deste elemento é semellante a doutros: "Os lavadoiros formaron parte da nosa historia vital, eran lugares de encontro, espazos femininos de traballo, pero tamén de lecer e, nalgún sentido, de liberarse dunha vida que, neses momentos, era máis reducida para as mulleres. Son espazos moi significativos".
¿Que ten o lavadoiro de Picaños que o fai único? É singular, pero tamén é verdade que non hai dous lavadoiros iguais. Filgueiras explica para COPE Santiago que "son elementos que, como son de uso cotián e doméstico non nos fixamos demasiado. Pero no aspecto formal este é moi curioso". O lavadoiro era a pedra que estaba no río, pero os lavadoiros foron arquitecturándose ao longo do tempo: "hainos ovalados, redondos, rectangulares... e moi importante a captación da auga... por que están neses lugares? no caso de Picaños está entre as casas, pero hainos máis afastados, onde se podía mocear".
APATRIGAL teno claro, os lavadoiros hai que recuperalos non só como arquitectura, senón tamén como testemuña da vitalidade do lugar e das lembranzas persoais dos propios veciños. De aí que sexa importante consultar eses recordos ou a microtoponimia para coñecernos máis a nós mesmos, como sociedade. "Cando se limpan, que é fundamental, claro, ter o entorno en condicións, pero pódense recuperar estes espazos como lugar de encontro". No caso do de Picaños ten unha visión sobre Sar e o Santiago monumental que é impresionante: "As vivencias alí quedan gravadas na memoria". O importante é que non quede un lugar sen discurso, agora é "como se tivesemos unha vela apagada, en vez de encendida porque este é un lugar de luz para a comunidade".
DENDE CANDO TEMOS LAVADOIROS EN GALICIA?
Podemos que dicir que os lavadoiros son eternos: "Centenarios ou milenarios", comenta a experta de APATRIGAL. "Non se pode concretar unha data exacta, agás os dos pazos ou casas grandes estaban arquitecturados de antes do século XVII-XVIII, pero os das aldeas e barrios serían do Século XIX, pero levaron un pulo grande no comezo do XX, hai un proxecto da República, dos emigrantes, para mellorar as infraestruturas hidráulicas e logo no Franquismo, durante a dictadura, tamén se fixeron melloras".
Deixaron de usarse hai pouco, pero aínda hai lugares onde se van lavar as alfombras, por exemplo.
A antropóloga Ana Filgueiras insiste en que os lavadoiros ofrecen, ademais, a posibilidade de conectar co entorno: "As mulleres levaban tamén a pandereta, cantaban e bailaban... hai unha vida aí palpitante que é emocionante".