Instrumentos á rúa para visibilizar as ensinanzas oficiais de música en Lugo

O alumnado do CMUS Xoán Montes levará o seu bo facer ás distintas prazas do casco histórico da cidade os días 29 e 30 de maio

Baruk Domínguez

Lugo - Publicado el

1 min lectura

A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e Ángeles Losada, profesora do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo, veñen de presentar o ciclo O conservatorio na rúa, co que achegarán a obra do alumnado do centro ás distintas prazas do casco histórico os días 29 e 30 de maio.

Ferreiro explicou que "o obxectivo desta actividade é visibilizar as ensinanzas oficiais de música coas que contamos na cidade, e motivar aos estudantes, xa que poderán amosar o aprendido durante os seus estudos ao mesmo tempo que dinamizan as rúas".

Tres concertos programados

O ciclo contará con tres concertos a cargo das distintas agrupacións do CMUS Xoán Montes.

O mércores 29, a partir das 17:30 horas, a Banda Xosé Castiñeira dará o seu concerto na Praza de Santa María, e ás 19:00 horas será a quenda da Banda Indalecio Fernández Groba.

O xoves 30, ás 18:30 horas, pecharán o ciclo as Orquestras de Grao Profesional do centro.

Concerto de Presentación de Instrumentos

Uns días antes, o martes 21 ás 17:30 horas, celebrarase no auditorio do centro un Concerto de Presentación de Instrumentos, no que as persoas asistentes poderán coñecer algunhas das diferentes especialidades que se poden estudar no Grao Elemental.

A entrada é de balde ata completar o aforo.