O Lugo rural ponse bonito para o verán: o Concello roza camiños e campos da festa nas parroquias

O Concello de Lugo está a acondicionar a contorna de máis de corenta núcleos rurais e a rozar case mil quilómetros de estradas e pistas para mellorar a seguridade

00:00

A edila González Abelleira lembra que estes traballos eran un compromiso do goberno local de Lugo

José Luis Ramudo

Lugo - Publicado el - Actualizado

2 min lectura

O Concello de Lugo está a acondicionar a contorna de máis de 40 núcleos rurais e a rozar case mil quilómetros de estradas e pistas de diferentes parroquias.

Ademais, está a levar a cabo labores de limpeza nos campos da festa das parroquias rurais do municipio, de cara ás celebracións que terán lugar ao longo do verán.

Estes traballos, que comezaron o pasado mes de xuño, responden ás peticións da veciñanza que van solicitando estas actuacións conforme se achegan as datas das súas celebracións.

De feito, ata de agora estas tarefas consistiron na roza de 25 quilómetros en 14 campos da festa doutras tantas parroquias.

A concelleira de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira, sinala que o gobern local "cumpre así coas peticións trasladadas polos veciños e veciñas, que solicitaron ao Concello de Lugo a posta a punto destes espacios e das súas contornas, co obxectivo de garantir o seu benestar, e como parte dos compromisos que deseñamos no Plan de Acción do Rural”.

TRABALLOS EN 14 PARROQUIAS

Para acometer estas tarefas nas contornas dos núcleos, catro operarios da brigada municipal do Rural traballaron desde o pasado mes de xuño nestas 14 parroquias con catro rozadoras manuais e dous tractores, empregados principalmente na limpeza da maleza, na roza e no acondicionamento dos espacios destinados ao estacionamento de vehículos.

Unha vez rematados eses traballos, continuarán co resto de parroquias que soliciten a roza destes espacios, polo que se prevé intervir noutras 25, ao longo do verán.

De forma paralela, a área de Cohesión Social e Territorial continuará coa roza mecánica e manual da maleza en ambas marxes das principais estradas e pistas das 54 parroquias rurais, para garantir a seguridade viaria nus camiños e estradas que supoñen intervir en preto de mil quilómetros.

González Abelleira lembrou que “este é un dos compromisos que o goberno de Paula Alvarellos adquiriu coas pedáneas e pedáneos, contemplados nese Plan de Acción, co que tamén estamos a determinar e responder ás principais necesidades en canto a todo tipo de infraestruturas, dotacións, rede viaria, abastecemento e saneamento, alumeado público e sinalización, por citar algunhas”.

Temas relacionados