As cifras da sanidade pública: ¿Sabes canto costa a limpeza dos hospitais de Lugo?
A Xunta autorizou a contratación para dous anos do servizo de limpeza do HULA e do Hospital de Calde, cun orzamento de licitación de case 17,6 millóns de euros
Lugo - Publicado el - Actualizado
1 min lectura
O Consello da Xunta autorizou a contratación, por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas), do servizo de limpeza, desinfección e xestión de residuos do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e do Hospital de Calde, cun orzamento base de licitación de 17.590.222,14 euros para dous anos.
O novo contrato contempla un incremento dun 28,8% con respecto á licitación anterior motivado, entre outros factores, polo aumento das retribucións do persoal e o incremento por carreira profesional e antigüidade correspondente ao novo período.
Ademais, aumenta o número de profesionais para cumprir coa redución da xornada laboral -a 35 horas semanais- como todo o persoal do Servizo Galego de Saúde. Tamén aumentará o número de traballadores en plantilla, polo incremento das zonas que hai que limpar.
A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, por eficiencia, inclúe neste contrato a limpeza de zonas exteriores, que ata o de agora se realizaba de forma independente.
O novo contrato tamén contempla a limpeza nas zonas exteriores do HULA
limpeza DO heliporto e DO aparcadoiro do persoal
Polo tanto, os pregos contemplan a limpeza da zona do heliporto e o aparcadoiro de persoal do HULA. Tamén o borrado de posibles grafitis e a retirada de carteis non autorizados.
Ademais, mantense a limpeza interior dos hospitais cos procedementos a seguir para garantir a calidade e a especialización que require este traballo, en liña coa importancia do propio proceso asistencial que se leva a cabo nos centros sanitarios.
O contrato autorizado polo Consello da Xunta recolle a posibilidade de ser prorrogado por dous anos máis, elevándose neste caso o orzamento estimado a 35,1 millóns de euros.