o conselleiro de cultura, román rodríguez, será o encargado da lectura do pregón

O Belén Electrónico de Begonte inicia unha "carreira de fondo" para ser de Interese Turístico Nacional

Abrirá as súas portas este sábado, 30 de novembro, e permanecerá aberto -por primeira vez- durante dous meses, ata o día 1 de febreiro. 

José Luis Ramudo

Lugo - Publicado el

2 min lectura

      
      
             
      

Os promotores do Belén Electrónico de Begonte, un dos máis emblemáticos de Galicia -declarado Festa de Interese Turístico Galego-, veñen de anunciar que, dende agora, inician xa unha “carreira de fondo” para conseguir que sexa recoñecido como unha “festa de Interese Turístico Nacional”. 

Un deses promotores, Xulio Xiz Ramil, confía en contar co apoio das institucións, nomeadamente da Xunta de Galicia, para alcanzar un obxectivo que implica recorrer un longo camiño e traballar “durante anos, pero que, “sen lugar da dúbidas, merece a pena”.

O Belén de Begonte inaugurará este sábado a súa edición número 53 co pregón do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez. O evento foi presentado na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o tenente alcalde begontino, Luis Luaña; o presidente do centro cultural José Domínguez Guizán, Xulio Xiz, e o secretario da entidade, José Rodríguez -fillo do artesán creador do conxunto, José Rodríguez Varela-.

O Belén, declarado de Interese Turístico de Galicia, é artesanal e electrónico, e atrae cada ano a arredor de 40.000 visitantes. 

  • Poderá contemplarse do 30 de novembro ao 1 de febreiro. Entre Nadal e Reis estará aberto todos os días, de 11 a 13 horas e de 16 a 19 horas. Nas restantes semanas abrirá sábados, domingos e festivos, aínda que se poden concertar visitas de grupo noutras xornadas.

Archivo

Belén Electrónico de Begonte

principais novidades

Como principal novidade, este ano comeza a incorporación das figuras procedentes do Belén que instalaba no antigo Hospital Xeral o sacerdote Edelmiro Ulloa. Foron doadas a Begonte polo seu sobriño, o escritor Xosé Carlos Ulloa. Son tamén pezas artesanais e entre as que xa se poden desfrutar este ano figuran unha máquina de mallar ou un cabazo. Outras vanse amosar no Museo do centro cultural, que ocupa o recinto anexo.

      
             
      

Por outra banda, os organizadores amplían o programa de actividades coa convocatoria do primeiro Certame Audiovisual sobre o Nadal, que se suma aos tradicionais concursos de poesía, xornalismo, debuxo infantil e arte. A temática é o Nadal en todos os casos, e os premios serán entregados no acto de clausura do Belén. As obras que concorran ao concurso de arte serán expostas na Delegación Territorial de Lugo e na Casa da Cultura de Begonte.

Así mesmo, os días 21 e 22 celebrarase un mercado de Nadal na praza Irmáns Souto Montenegro e arredores, organizado polo Concello. 

O mural de Diego As en Begonte ou as tallas de madeira distribuídas polo escultor César Lorenzana nas 19 parroquias, son outras propostas vinculadas ao Belén no municipio.

Temas relacionados