¿Bus directo entre Lugo e un centro comercial da Coruña?

Formacións políticas e outros colectivos critican que a nova 'Liña Conecta' posta en marcha pola Xunta de Galicia é un ataque directo ao comercio local e de proximidade da cidade

Baruk Domínguez

Lugo - Publicado el

2 min lectura

Primeiro foi o Bloque Nacionalista Galego (BNG) quen fixo saltar a lebre.

Un dos seus concelleiros en Lugo, Alexandre Penas, criticou o funcionamento real da 'Liña Conecta', un servizo de bus directo entre a capital lucense e a cidade da Coruña posto en marcha pola Xunta de Galicia nos primeiros meses deste ano 2025.

O caso é que o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, durante unha rolda de prensa na que valorou as primeras semanas de existencia deste servizo, supostamente convidou á veciñanza de Lugo a coller o bus ben cedo para gozar mellor da estancia nunha gran superficie comercial coruñesa, e anunciou que o executivo galego valoraba reforzar esta conexión nos vindeiros meses.

Unha intervención que, segundo o edil nacionalista foi "desafortunada, rozando incluso o insulto ás e aos lucenses".

Neste sentido, Penas afirmou que "a Xunta segue sen mostrar un proxecto claro para Lugo", xa que "non é razoable que o conselleiro veña presentar como medida estrela o incremento das conexións da nosa cidade cun centro comercial da Coruña".

Os nacionalistas criticaron esta medida "que ataca directamente ao pequeno comercio da cidade, especialmente no centro".

"MELLOR QUE VEÑAN DA CORUÑA A LUGO"

Nunha liña similar se manifestaron a través dun comunicado os representantes da Federación de Comercio de Lugo.

O seu presidente, José María Seijas, ironizou co convite aos veciños "da Coruña", posto que sería "mellor que eles veñan para Lugo", e criticou tamén abertamente as declaracións do conselleiro, "totalmente perxudiciais para a nosa cidade e máis para o comercio de proximidade".

"Precisamos que se reforce o traballo que se está a facer para traer á xente a Lugo e dar a coñecer o noso excepcional patrimonio e a completa e excelente oferta comercial que temos e que é a que xenera vida e riqueza para a nosa cidade", indicaron desde o colectivo que representa aos comerciantes lucenses.

"Máis cando concretamente o comercio do centro está a sufrir as consecuencias dunhas obras que parecen non ter fin", recalcaron.

Por estes motivos, Seijas pregoulle "ao conselleiro de Presidencia que reconsidere esta medida e que no seu lugar siga a impulsar as conexións e investimentos dirixidos a promocionar e dinamizar Lugo, pero non a dirixir aos nosos consumidores aos centros comerciais fóra da nosa provincia".

Temas relacionados