A compatibilidade da sanidade pública e privada a debate: a cidadanía de Lugo opina
O Ministerio de Sanidade ten sobre a mesa o borrador dun novo estatuto marco que, entre outras cousas, propón restrinxir e regular a actividade particular dos facultativos
Lugo - Publicado el
1 min lectura
Hai polémica por mor da sanidade. Non é algo novo. Xa coñecemos dabondo os problemas que temos que sufrir moitos cidadáns pola falta de profesionais, especialmente nalgúns municipios do rural. O caso é que agora está sobre a mesa o borrador dun novo estatuto marco que, entre outras cousas, propón restrinxir e regular a compatibilidade da actividade pública e privada dos facultativos.
No caso de Lugo, varios profesionais que exercen no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) sumáronse esta mañá ás mobilizacións convocadas por toda España ante a proposta do Ministerio de Sanidade, concentrándose diante do complexo hospitalario lucense.
Entre outras cousas, o novo estatuto obrigaría aos MIR a traballar só na pública nos seus cinco primeiros anos de exercicio e aos xefes de servizo a non compaxinar a súa actividade coa privada.
A CIDADANÍA AMÓSASE DIVIDIDA
E que opina a cidadanía sobre esta cuestión? En primeiro lugar, hai xente que é taxativa, por dicilo de xeito amable. Quen teña un posto fixo na pública, pois sanidade pública e nada máis.
Hai tamén quen recoñece os problemas de compatibilizar, pero avoga pola liberdade dos profesionais sanitarios que traballan no sector público para que exerzan nas súas horas libres como mellor lles pareza.
Con respecto a este aspecto, hai outros cidadáns que opinan parecido, pero cun pequeno aviso: compatibilidade si, pero coa condición de que os médicos cumpran os seus pertinentes deberes laborais e fiscais, e sempre e cando non deriven aos pacientes da pública ás súas consulta privadas.
Por último, tamén hai quen aproveita para reclamar unha mellor xestión da sanidade pública, a de todos, a todos os niveis. Que está moi ben queixarse por estas cuestións concretas, pero que o problema vai moito máis alá.