A formación en seguridade viaria das crianzas volve ser unha prioridade para o Concello de Lugo

O Parque Infantil de Tráfico ubicado no Parque da Milagrosa acolle de novo os cursos para escolares postos en marcha polo executivo local en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico

Baruk Domínguez

Lugo - Publicado el

1 min lectura

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, visitaron as instalacións do Parque Infantil de Tráfico (PIT) ubicado no Parque da Milagrosa, onde veñen de comezar os cursos de educación viaria para escolares postos en marcha polo executivo local en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

 

Arroxo anunciou que durante o curso escolar 2024-2025 "os estudantes dos colexios de Lugo recibirán formación en seguridade viaria no PIT, unha instalación referencial que permite simular diferentes situacións sobre mobilidade e tráfico".

"Coa posta en marcha destes cursos recuperamos o funcionamento do PIT e traballamos na formación das nenas e dos nenos, obxectivo principal desta instalación", afirmou pola sua banda Buide, que destacou a importancia desta formación "que se oferta a todos os centros de ensino que o desexen, traendo ao PIT ao maior número de estudantes posible".

MELLORA ESTÉTICA DA INSTALACIÓN

O executivo municipal realizou este ano unha "mellora estética" da instalación, renovando a sinalización da pista, "o que permitirá unha boa calidade das actividades que xa están calendarizadas ata final de abril", explicou Arroxo.

Deste xeito, o Concello de Lugo e a DXT traballan en conxunto para "achegar coñecemento e boas prácticas sobre seguridade vial a todas as nenas e nenos do municipio, a través de colaboracións que se farán chegar tamén aos centros de ensino".

Temas relacionados