'Un gusto de rural, un rural degusto': Unha iniciativa dende Lugo para dar a coñecer a mellor carne das razas autóctonas galegas
A Deputación de Lugo impulsa un programa de degustacións de carne de vacún de Morenas do Noroeste, Porco Celta, poldro de Pura Raza Galega e Galiña de Mos, en feiras de gando e festas tradicionais
Lugo - Publicado el
2 min lectura
A área de Rural da Deputación de Lugo pon en marcha unha campaña para poñer en valor e dar a coñecer as carnes e produtos derivados de razas autóctonas galegas. O programa 'Un gusto de rural, un rural degusto', promoverá degustacións en feiras de gando e outros mercados e feiras tradicionais.
A iniciativa, que contará coa participación das asociacións Puraga, Asoporcel e a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), pretende amosar a calidade gastronómica das carnes de vacún das razas Morenas do Noroeste, da Galiña de Mos, do poldro de Pura Raza Galega e do Porco Celta con diferentes receitas, que van dende as propostas máis tradicionais ata elaboracións innovadoras.
O deputado de Rural, Daniel García, e representantes das entidades agrogandeiras presentaron a imaxe e os elementos promocionais que se empregarán nas degustacións, que serán elaboradas, preferentemente, coa materia prima proporcionadas por gandeiros locais.
Presentación da campaña 'Un gusto de rural, un rural degusto'
O responsabel provincial explicou que “o programa dá un novo impulso á colaboración que mantivo coas asociacións agrogandeiras nos últimos anos para fomentar o consumo de produtos de razas autóconas e abrir novas canles de comercialización que contribúan a xenerar rendas para as gandeiras e gandeiros”.
"hai que coidar a imaxe e a loxística"
Daniel García subliñou “a importancia de coidar a imaxe e a loxística das degustacións para transmitir ás persoas consumidoras a calidade excelente dos produtos e poñer en valor o traballo dos gandeiros e gandeiras que se comprometen coa recuperación e conservación das razas autóctonas, en producións sostibles que contribúen ao mantemento do territorio e á fixación de poboación no rural”.
Neste sentido, o deputado remarcou “a necesidade de seguir insistindo en transmitir unha mensaxe positiva e actualizada en relación coas oportunidades e coa calidade do traballo que se fai no rural, como facemos con outros programas como Da Escola á Granxa, no que as pícaras e pícaros dos colexios teñen a oportunidade de degustar os produtos elaborados na propia granxa ao remate da actividade formativa”
- As primeiras degustacións previstas no marco do programa son o domingo 2 de marzo, na Feira de Gando de San Rosendo, en San Miguel de Reinante con Puraga, e na Feira do Caldo de Ósos de Taboada con Asoporcel; e o martes -4 de marzo-, no Antroido de Val de Francos, con Boaga e Asoporcel.