'Martinho' obriga a pechar os parques de Lugo
Os de Rosalía de Castro, Frigsa, Paxariños e Marcos Cela serán precintados a última hora da tarde, quedando prohibida a entrada aos mesmos dende ese momento
Parque de Rosalía de Castro, en pleno centro da cidade de Lugo
Lugo - Publicado el - Actualizado
1 min lectura
O Concello de Lugo informa de que a última hora desta tarde está previsto que a Área de Transición Ecolóxica proceda ao peche dos parques da cidade ante a chegada de 'Martinho', un fenómeno meteorolóxico adverso de nivel amarelo con ventos de compoñente sur que poden deixar refachos de ata 70 quilómetros por hora e que afectarán ao centro da provincia.
Dende o executivo local explican que operarios dos servizos municipais precintarán, por tanto, os parques de Rosalía de Castro, Frigsa, Paxariños e Marcos Cela, quedando prohibida a entrada aos mesmos dende ese momento.
CHAMAMENTO Á CIDADANÍA
Ademais, fan un chamamento á cidadanía para pedir que respecten estas limitacións, evitando correr riscos innecesarios para non poñer en perigo a súa seguridade e recoméndase, igualmente, non visitar o resto de zonas verdes municipais con arboredo ata que remita o temporal.