O novo auditorio de Lugo acollerá en 2025 un concerto do grupo que lle dá nome...
Fuxan os Ventos serán protagonistas dentro dunha ampla programación cultural que conxugará actuacións de "agrupacións locais" coas "de circuítos estatais e internacionais"
Lugo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
O tenente alcalde do Concello de Lugo, o nacionalista Rubén Arroxo, anunciou que a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua continúa a traballar na planificación da actividade do Auditorio Fuxan os Ventos para o ano 2025.
Arroxo anunciou un concerto do grupo Fuxan os Ventos no auditorio, como "homenaxe a un dos grupos musicais galegos máis importantes nos últimos anos, e celebración do seu 50 aniversario, celebrado en 2022".
O tenente alcalde afirmou que o novo auditorio contará "cunha importante programación, con agrupacións locais que se coordinarán con actuacións de circuítos estatais e internacionais".
Arroxo afirmou que "Fuxan os Ventos é un dos grupos musicais galegos máis importantes nas últimas décadas", e engadiu que "para o Concello de Lugo é unha honra contar cun auditorio co seu nome, despois de acoller tamén o seu nacemento no ano 1972".
Médio século de Historia
Fuxan os Ventos naceu no ano 1972 a partir da unión dun grupo de rapaces e rapazas que cantaban no coro do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. O seu primeiro nome, Folk72, foi deixado de lado despois de gañar o primeiro premio no III Festival Musical das San Lucas de Mondoñedo co tema "Fuxan os Ventos".
Entre os anos 1976 e 2009 lanzaron un total de dez álbums: Fuxan os ventos (1976), O tequeletequele (1977), Galicia canta ó neno (1978), Sementeira (1978), Quen a soubera cantar (1981), Noutrora (1984), O Mellor (1987), Sempre e máis despois (1999), Na memoria dos tempos (2002) e Terra de soños (2009).
A agrupación chegou a ter máis de 30 integrantes, estando formada actualmente por Antón Castro á zanfona, mandolina e voz; Xosé Vázquez á percusión e voz; Pedro Lucas na gaita, frautas e voz; Xoán Luis Fuertes no violín, guitarra, bouzuki e voz; Moncho Díaz na guitarra, frautas e voz; ademais das voces de Carmen Vázquez, Tereixa Novo, Maruxa Fociños e Alfonso Fernández. Entre os seus antigos membros destacan Xosé Luís Rivas "Mini", e Baldomero Iglesias "Mero".
Fuxan os Ventos tivo durante toda a súa carreira un alto compromiso social, chegando a toda a sociedade galega con mensaxes comprometidas coas distintas problemáticas do país, apostando tamén pola lingua galega.