O poeta de Lugo que triunfa nos Estados Unidos

Claudio Rodríguez Fer acaba de ser galardoando co Premio Babel de Literatura 2025, que outorga a Universidade de Texas, pola “calidade excepcional e a importante contribución do seu traballo”

José Luis Ramudo

Lugo - Publicado el

2 min lectura

O profesor da USC e director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, alén de poeta, narrador, ensaísta e tradutor, Claudio Rodríguez Fer, acaba de ser galardoando co Premio Babel de Literatura 2025 que outorga a Universidade de Texas pola “calidade excepcional e a importante contribución do seu traballo” no campo literario. 

O premio, que entrega anualmente Mundus Artium Press, entidade radicada na Universidade de Texas -en Dallas-, “honra a persoas que promovan o diálogo literario entre linguas e culturas”, informa la Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Rodríguez Fer, profesor visitante en diversas universidades de Estados Unidos e de Europa suma este recoñecemento ao Premio Nacional da Crítica de España e o doutoramento honoris causa pola Universidade da Alta Bretaña, en Rennes; así como distincións tan diversas como a da Medalla Eminescu, en Romanía, ou a de Cunqueiriano de Honra -concedida polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo de Cunqueiro-, en Galicia.

“Defensor da paz e dos dereitos humanos, Rodríguez Fer influíu no discurso literario global a través da súa poesía, estudos e publicacións multilingües. O Premio Babel recoñece os seus logros ao longo da súa vida para superar as divisións lingüísticas e culturais”, sinalou o comité internacional que outorga o premio. 

poeta de vangarda traducido a 80 idiomas

  • Claudio Rodríguez Fer, “voz destacada da literatura de vangarda”, tal e como destaca o devandito comité, é un escritor galego traducido a numerosos idiomas (castelán, portugués, inglés, francés, alemán, italiano, grego, romanés, ruso, árabe, bretón, ou esperanto, entre outros) e o seu poema ‘A cabeleira’ está traducido a máis de oitenta idiomas dos cinco continentes, sendo por tanto o texto con máis versións da historia da literatura galega.

O Premio Babel de Literatura recoñece a persoas cuxo labor literario inverte o antigo símbolo da Torre de Babel, que simbolizaba o esforzo humano condenado ao illamento lingüístico e moral. 

Por isto, premia aos e ás escritoras que nas súas vidas e nas súas obras se valen da forza da tradución literaria como medio de superación do solipsismo persoal e social en beneficio de valores profundos de maior alcance, como a paz, a liberdade, a xustiza, a memoria e o entendemento xeral entre os pobos e as persoas. 

É a primeira vez que tal distinción recae en España, pois anteriormente foron galardoados escritores de Italia, Albania, Francia, Rusia e Corea do Sur.

Temas relacionados