Se queres saber os "segredos" do novo auditorio de Lugo, agora é o momento
A veciñanza disporá de seis datas para coñecer o interior desta instalación, concretamente os días 7 e 8 de febreiro e 14, 15, 28 e 29 de marzo, previa inscrición nas oficinas municipais
Lugo - Publicado el - Actualizado
1 min lectura
O tenente alcalde do Concello de Lugo, o nacionalista Rubén Arroxo, anunciou que ao longo dos vindeiros meses a veciñanza poderá visitar as instalacións do novo Auditorio Fuxan os Ventos.
Arroxo explicou que "abrimos as portas desta instalación para permitir que todas e todos os lucenses que o desexen poidan coñecer as instalacións deste edificio, visitando as partes que habitualmente non se poden ver".
SEIS VISITAS EN FEBREIRO E MARZO
A Tenencia de Alcaldía organiza seis visitas guiadas a esta instalación, que terán lugar o 7 de febreiro (20:00 horas), 8 de febreiro (12:30 horas), 14 de marzo (20:00 horas), 15 de marzo (12:30 horas), 28 de marzo (20:00 horas) e 29 de marzo (12:30 horas).
Cada unha das visitas terá a cabida limitada a 20 persoas. Para reservar praza, será preciso enviar un correo a 010@lugo.gal ou chamar ao 982 297 350 en horario de 8:30 a 15:00 horas de luns a venres.
Ao anotarse será preciso deixar un teléfono de contacto, xa que a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua contactará nos días previos a cada visita para confirmar asistencia e, no caso de quedar prazas libres, cubrilas coas persoas anotadas na lista de agarda.