Unha oportunidade de medio millón de euros: Cultura habilita unha partida para financiar o Museo da Romanización en Lugo

O Concello valora esa aportación como un primeiro paso, que ten vir seguido de moitos outros para rehabilitar o Cuartel de San Fernando e crear ese museo, un proxecto cifrado nuns 12 millóns de euros

José Luis Ramudo

Lugo - Publicado el

2 min lectura

      
      
             
      

A Consellería de Cultura aportará medio millón de euros con cargo aos orzamentos do vindeiro ano para financiar o proxecto do futuro Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando. É evidente que esa cantidade non chega para abordar unha obra de semellante envergadura, pero tamén é certo que se trata dun primeiro paso. Un avance para sair da situación na que levamos enquistados anos e anos. 

O goberno local estima que o coste da obra achegaráse aos doce millóns de euros. Por iso, considera que esa aportación inicial da Xunta é insuficiente. Ademais, insiste en que é administración autonómica a que ten que facer a obra, dado que se trata dun edificio que foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC), e polo tanto está baixo a tutela de Patrimonio. 

No goberno galego non opinan o mesmo. O edificio é de propiedade municipal, polo que entenden que é o Concello o que ten que liderar este proxecto e, sobre todo, a captación dos fondos necesarios, coa implicación tamén do Goberno de España e mesmo da Unión Europea. 

"un primeiro paso"

Despois de coñecer a nova avanzada na Comisión de Orzamentos do Parlamento de Galicia, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, dixo que esa aportación por parte da Xunta de Galicia é “un “primeiro paso que agardamos que teña continuidade no tempo xa que o custe do Museo pasará dos doce millóns de euros tal e como se anunciou no seu momento”.

O importante para nós e que poidamos ver finalmente ese Museo da Romanización tan demandado por tódolos lugueses e luguesas”, salientou .

Cedida

Acto para reivindicar a creación do Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando

A xunta espera que se sumen "outras administracións"

Pola súa parte, o Partido Popular lembrou que “este foi un dos acordos acadados entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a daquela alcaldesa de Lugo -Lara Méndez- na reunión que mantiveron en outubro do ano 2022”.

      
             
      

De feito, os populares tamén recordaron que “o presidente galego cualificou esa posibilidade como un magnífico obxectivo para Lugo e para poñer en valor a historia da cidade, amosando a súa vontade de apoio económico, complementando as achegas doutras administracións, entre as que se citaba expresamente ao Goberno de España”.

Arquivo

Alfonso Rueda xuntouse en Lugo con Lara Méndez cando era alcaldesa

Polo tanto, engadiron, “a Xunta de Galicia daría o primeiro paso á espera dun compromiso similar por parte doutras administracións públicas".

Queda, polo tanto, camiño por andar, pero esta partida orzamentaria pode ser unha oportunidade para que, finalmente, ambas administracións, a local e a autonómica, sexan capaces de poñerse dacordo para cooperar e sacar adiante un proxecto de gran calado para á cidade, dado que o cuartel de San Fernando é un edificio senlleiro, emblemático, ubicado nunha zona especialmente sensible, en pleno casco histórico, a poucos metros da Muralla romana.

Temas relacionados