"Viño de uvas, garantido" nun pobo da Montaña de Lugo
Así será a cata de Balgos, en plenos Ancares lucenses, que se celebra este sábado 26 de abril

Manolo Trabado é membro da Asocición San Felipe
Lugo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
O próximo sábado 26 de abril, a aldea de Balgos converterase nun punto de encontro para amantes do viño, da música e da montaña, nunha xornada onde a autenticidade será a protagonista e onde o viño, como din eles, "é de uvas, garantido".
Benedicta Sánchez, pregoeira de altura
Manuel Trabado, un dos organizadores da VII Cata de Viño de Balgos, lembra con orgullo que este ano contarán cunha pregoeira moi especial: Benedicta Sánchez, a inesquecible protagonista do filme O que arde.
Vencellada para sempre á paisaxe dos Ancares grazas ao seu papel na película, a actriz chega a Balgos para compartir a súa palabra dende o prado de Antón, un lugar privilexiado con vistas a toda a contorna.
"A Benedicta gústalle ben o alto", contan. A súa aldea está nos cumes do Corgo, e cando chegou aos Ancares pensou que, de vivir aquí, escollería tamén esas aldeas no alto, onde sempre venta, como as da Proba de Navia ou as casas máis altas do val.
A apertura da carpa será ás 11:30 horas e o pregón terá lugar ás 13:00 horas. Trala súa intervención, haberá comida, música e moita festa.
Festa do viño con sabor local

Cata do viño de Balgos do ano 2024
A Asociación Veciñal de San Felipe, organizadora do evento a través de Manuel Trabado e Manuel Castiñeira, non ten claro se o viño de Balgos acabará asociado á nova Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terras do Navia.
Pero o obxectivo, aseguran, non é tanto iso como poñer a Balgos no mapa e facer que a xente disfrute. "Aquí o importante é que a festa saia ben e que os asistentes marchen contentos", explican.
Non faltarán os concursos tradicionais, como o lanzamento de boina -"temos unha moi ben preparada", di Trabado-, que mesmo algún ano gañou un neno.
Tamén se entregarán premios aos mellores viños da xornada, que se poderán catar durante todo o día na carpa habilitada.
Un plan completo nos Ancares
A contorna tamén invita a quedarse. Moi preto de Balgos atópase o Castro de Santa María de Cervantes, onde, segundo recollen as crónicas, se extraía ouro xa nos séculos I e II d.C.
A ruta ao castro ou un paseo ata o propio río Navia son plans ideais para completar unha xornada de viño, cultura e natureza.