Xa temos data para unha nova invasión: os romanos volverán a tomar Lugo entre o 12 e o 15 de xuño
Son as datas elexidas polo goberno local e as 19 asociacións de recreación histórica para á celebración do Arde Lucus, a festa de Interese Turístico Nacional que evoca o histórico pasado da cidade
Lugo - Publicado el
2 min lectura
Xa temos data para a nova invasión romana. O goberno local confirmou que o Arde Lvcvs 2025 terá lugar do 12 ao 15 de xuño. Fixo este anuncio despois de xuntarse coas 19 asociacións de recreación histórica que participan na organización desta Festa de Interese Turístico Nacional que evoca o histórico pasado da cidade. A data definitiva foi aprobada por unanimidade.
O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, aproveitou esa xuntanza para agradecer a implicación das agrupacións, así como o papel das compañías de teatro, que enriquecen a programación da festa: “O esforzo destes colectivos é esencial para consolidar o éxito do Arde Lvcvs e seguir avanzando cara a unha recreación histórica máis fiel e unha maior divulgación do noso pasado romano e castrexo.”
- Na reunión tamén se fixo balance do Arde Lvcvs 2024, que acadou unha ocupación hoteleira do 100 % e unha afluencia máxima, consolidando esta cita como un dos eventos máis destacados do calendario cultural galego.
Bustos destacou: “A afluencia non pode ser maior, polo que agora centramos os nosos esforzos en mellorar a calidade da programación e en facer do Arde Lvcvs unha experiencia inesquecible”.
unha festa de impacto global
O Arde Lvcvs foi declarado Festa de Interese Turístico Internacional en 2023, un recoñecemento que reflicte o seu impacto cultural, turístico e económico e que a posiciona como unha das grandes citas de recreación histórica a nivel global, lembra o goberno local.
Esta festa conta co traballo incansable das 19 asociacións de recreación histórica, fundamentais para o seu éxito.
- Estas agrupacións son Ara Roma, Asamblearias Lucus Augusti, Caetra Lucensium, Civitas Lucensis, Clan de Breogán, Cohors III Lucensium, Garda Pretoriana, Kertix, Lucus Equites, Lucus Icenas Miliatore, Lugdunum, Mercenarios Galaicos, Pax Romana, Salesiani Luci Augusti, Senatus Lucus Augusti, Terra Copora, Tir Na n'Og, Trebas Galaicas e Vestales Lucus Augusti.
Grazas a elas, lembrou Bustos, Lugo logra manter vivo o espírito castrexo e romano, ofrecendo unha experiencia única que combina identidade, patrimonio e dinamización cultural.