RIBADEO

O alumnado dun obradoiro de emprego xuvenil dixitaliza e organiza o arquivo municipal ribadense

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, participou na clausura do taller 'Doc Tic II'

Redacción digital

Madrid - Publicado el - Actualizado

2 min lectura

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe en Ribadeo na entrega de diplomas do obradoiro de emprego xuvenil ‘Doc-Tic II’, no que 15 mozos e mozas menores de 30 anos recibiron formación teórica e práctica durante os últimos seis meses. Os participantes avanzaron nos traballos de organización, descrición e dixitalización de fondos do arquivo municipal.

O taller foi financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e promovido polo Concello, e nel impartíronse dúas especialidades complementarias: ‘Produción fotográfica’ e ‘Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos’. Os alumnos-traballadores contaron coa titoría dunha directora, unha monitora de arquivística e xestión documental e outra de dixitalización documental.

Balseiro salientou a utilidade destas iniciativas, que, segundo apuntou, “abren novas perspectivas laborais para o alumnado, que adquire coñecementos especializados” en ámbitos nos que, unha vez rematada a etapa formativa, “poden atopar unha saída profesional e mellorar as súas posibilidades de acceder a un posto de traballo”.

O obradoiro deu continuidade ao labor desenvolvido en anteriores edicións. O proxecto incluíu a dixitalización de actas capitulares do Concello de Ribadeo dos séculos XIX e XX e outros documentos singulares, como planos, correspondencia ou documentación de persoal.

Entre os traballos que levaron a cabo figuran as copias dixitais realizadas a partir da copia en papel facilitada por un arquitecto dos planos do proxecto orixinal da Torre dos Moreno, edificio emblemático de Ribadeo.

Os participantes avanzaron ademais nas tarefas de organización, descrición e informatización de fondos do arquivo administrativo municipal e realizaron outras actividades como visitas guiadas e unha exposición fotográfica a partir de proxectos realizados no seo do taller.

O delegado puxo de relevo o labor desenvolvido a través desta iniciativa, cuxa actividade favorece a conservación do patrimonio documental e facilita a súa difusión e acceso por parte dos usuarios.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.