RIBADEO

Esgótanse as "panchas" para mercar no comercio de proximidade

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, cualifica de "éxito" a campaña da moeda local

Esgótanse as "panchas" para mercar no comercio local

Redacción digital

Madrid - Publicado el - Actualizado

2 min lectura

O presidente de Acisa Ribadeo, Francisco Iriarte, cualifica de exitosa a campaña das panchas, a moeda local, e asegura que hai outras localidades dos arredores interesadas neste proxecto. Iriarte subliña que foron moitas as persoas doutras localidades galegas e asturianas as que acudiron estes días a Ribadeo a cambiar os seus 30 euros por 40 panchas. Iriarte lembra que son 40.000 os euros que se gastarán no comercio de Ribadeo ata o vindeiro 5 de maio.

O presidente de Acisa manifestou que “o éxito foi moito máis grande do que contábamos. Era a primeira vez que se facía esta campaña e había que explicarlle á xente como funcionaba isto, pero axiña o entenderon. Faltan doce días mais ou menos para acabar o mes e xa non queda ningunha. Consideramos un éxito que en tan poucos días se esgotasen os 1.000 packs que están rodando por aí. Para o comercio de Ribadeo é importantísimo, son 40.000 euros que están por Ribadeo e que hai que gastalos porque teñen data de caducidade. Eu creo que se vai canxear practicamente todo”.

Francisco Iriarte dixo: “estamos moi contentos porque a xente di que está funcionando. Está o diñeiro moi repartido, non se está gastando en dous ou tres sitios senón nos 80 locais que participan, todos teñen movemento de panchas. Iso para nosoutros é unha alegría porque si se concentrara en pouco sitios, os demais que ían dicir”.

O responsable da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo subliñou que “vemos tamén que asociacións de comerciantes, tanto de Asturias como de Galicia, están moi interesadas neste proxecto. Iso quere dicir que se acertou totalmente, que tanto os técnicos do Concello como os de Acisa o fixeron ben e o éxito está asegurado. Eu persoalmente comprei panchas, e varias veces que estiven no banco había xente de Asturias comprando panchas, ou sexa que o resultado non é soamente para os ribadenses senón que é para toda a contorna. Sabemos que houbo xente de Foz que comprou panchas, de Barreiros, e de Asturias vin xente das Figueiras, de Vegadeo e de Tapia, que estaba comprando panchas”.

Francisco Iriarte lembrou que “agora que ninguén se esqueza das súas panchas nas carteiras porque desde o 6 de maio xa non teñen validez, ata o día 5 a xente pode facer as súas compras con panchas nos establecementos que participan nesta campaña, despois a nosa moeda local deixará de estar en curso”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, quixo sinalar que “isto dinamiza a economía local, dinamiza o comercio local, este sector tan importante que temos, e ao mesmo tempo consolida esta iniciativa que sen dúbida en sucesivas edicións estou seguro que será copiada noutros concellos, pero que aquí en Ribadeo unha vez máis seguimos sendo referentes”.