BARREIROS
Medio Ambiente colaborará na redacción do PXOM do concello barreirense
Trátase dun novo instrumento que ofrecerá "seguridade xurídica" a realidade urbanística do municipio
Madrid - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou este mércores ao alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, que a Xunta de Galicia colaborará na redacción do Plan xeral de ordenación municipal, co fin de dotar a este concello da Mariña lucense dun novo instrumento que ofreza seguridade xurídica a súa realidade urbanística.
Ángeles Vázquez trasladou ao rexedor municipal que é imprescindible avanzar de xeito conxunto cara o obxectivo dun urbanismo responsable e avogar pola recuperación e posta en valor das vilas e cidades galegas. Salientou o traballo realizado na última década polo Goberno galego a prol da ordenación do territorio, onde destaca a aprobación da Lei do solo, e o seu propio regulamento, e do Plan Básico Autonómico e o inicio da redacción do Plan Básico Municipal, para dar resposta ao obxectivo do Goberno galego: “ningún concello sen Pxom”.
Humanización de rúas
A conselleira destacou que esta liña de acción responde ao desexo de “facer das vilas e cidades galegas lugares nos que poder vivir, traballar e visitar”; unha finalidade que tamén é acorde coa filosofía do Plan hUrbe 2019-2020. Neste sentido, avanzou que o departamento que dirixe colaborará con Barreiros na humanización de varias rúas na contorna dos centros escolares deste concello.
Así, a Xunta achegará un 70% do orzamento necesario, mentres que a porcentaxe restante será asumida pola administración local. Deste xeito, actuarase nas rúas Veiga e Casas Sociais e tamén na estrada de Remourelle, co obxectivo de realizar traballos que incrementen a seguridade viaria de todos os usuarios e para dotar de novos servizos aos veciños. En resumo, as obras implicarán renovar as redes de abastecemento e de saneamento, ademáis da instalación de novas baldosas, luminarias e mobiliario urbano, como bancos e papeleiras.
"Éxito" do Plan hUrbe
Vázquez Mejuto salientou que o éxito do Plan hUrbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010, reside no feito de apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo actuacións que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso común e a garantir o acceso dos veciños a infraestruturas públicas e servizos, tal e como se fai con Barreiros.
Por último, destacou que grazas a este programa son xa 200 as intervencións executadas nun total de 125 concellos, o que significa que no período 2010-2018 a Xunta actuou case no 40% dos municipios de Galicia.