Mondoñedo

A Xunta dota o IES San Rosendo dun simulador forestal para o alumnado de FP Agraria

Os conselleiros de Economía e Educación comprobaron in situ o funcionamento deste novo equipamento, que supuxo un investimento de 80.000 euros

Os conselleiros de Educación e Economía, co profesorado do IES San Rosendo de Mondoñedo

Redacción digital

Madrid - Publicado el - Actualizado

1 min lectura

Os conselleiros de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; e de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitaron o IES Plurilingüe San Rosendo, en Mondoñedo, onde puideron comprobar o funcionamento do simulador forestal co que estes departamentos veñen de dotar o centro. Este equipamento, dirixido ás ensinanzas de FP da familia profesional de Agraria, contribúe a mellorar a cualificación do alumnado, de tal forma que os titulados conten cunha cualificación que responda ás necesidades do sector agroforestal.

En concreto, o simulador terá unha especial aplicación no ciclo superior de Xestión forestal e do medio natural e na titulación de FP Dual deste instituto, a de grao medio en Aproveitamento e conservación do medio natural, o cal se desenvolve en colaboración con 13 pequenas e medianas empresas da zona: Carronza, Construcción Obras y Viales Teixeira, Forestal Díaz Casariego, Hijos de Ramón Rubal, Tojeiro y Vidal e as empresas de madeira Masma, Díaz Ramos, Argimiro, Míguez de Burela, Naciente, Patricio, Villapol e Maderera de Cospeito. 

Nun sentido práctico, a aplicación deste proxecto permitirá á industria forestal contar con persoal cualificado e gañar en competitividade: “Con este simulador seguimos facendo unha aposta pola industria forestal que ten que pasar pola colaboración entre administracións, tecido industrial e centros de coñecemento”, indicou Francisco Conde.

No relativo ao funcionamento do simulador forestal KF 500, cabe sinalar que conta cun programa de manexo de procesadora e autocargador a través dun sistema multipantalla e tecnoloxía 3D. Deste xeito, permite a simulación en diferentes escenarios, a través dunha plataforma móbil oscilante que recrea as pendentes e os distintos tipos de terreo do monte. Trátase dunha máquina de última xeración que supuxo un investimento superior aos 80.000 euros.