FOZ

O CENIMA de Foz acolle a presentación da obra teatral completa de Manuel María

Pilar García Negro foi a encargada de editar as 33 pezas dramáticas escritas polo 'Poeta da Terra Chá'

00:00

Pilar García Negro, editora do volume 'O teatro de Manuel María'

Redacción digital

Madrid - Publicado el - Actualizado

2 min lectura

A asociación cultural A Pomba do Arco organiza este xoves 31 de xaneiro ás 20:30 no salón de actos do CENIMA de Foz a presentación da obra teatral completa do poeta Manuel María Fernández Teixeiro, nun acto no que participarán Pilar García Negro, autora da edición da obra, e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, entidade promotora da publicación.

En palabras de Pilar García Negro, este novo volume inclúe “unha produción amplísima, 33 obras, un abano temático e estilístico variadísimo, así que a satisfacción é grande por poder incrementar a obra dun escritor proteico, poliédrico, con amplísima dedicación a todos os xéneros literarios e con tantísimo servizo á cultura galega no seu conxunto. Por iso, o primeiro que afirmo é que nace un dramaturgo para a literatura e a escena galega”.

Malia que o autor chairego é coñecido fundamentalmente pola súa produción poética, escribiu de xeito continuado teatro desde 1957 até 2001, sendo autor entre esas 33 obras de textos tan coñecidos como Barriga VerdeA espiña Berenguela ou os seus famosos autos, con titulos tan significativos como Auto mariñeiroAuto labrego ou Auto da costureira que son a socioloxía laboral galega, a clase traballadora galega absolutamente predominante até hai pouco tempo.

Manuel María, primeiro socio de honra da asociación cultural A Pomba do Arco, significouse ao longo da súa vida pola súa vinculación persoal e literaria ao concello de Foz, do que dan conta diversas publicacións de carácter poético e tamén teatral. Neste sentido o libro que se presenta este xoves recolle unha obra titulada o Auto do alugado ou de Raboces, elaborado polo autor atendendo unha petición do seu amigo Xesús Fernández e representada no seu momento polo grupo de teatro O Coto de Faro con motivo dunhas festas patronais.

En canto ao contido da obra, trátase dunha peza que dramatiza unha vella lenda de Nois, situada precisamente no lugar de Raboces onde segundo a tradición o encanto aparecéuselle a uns veciños desta parroquia que retornaban da sega en Castela, nun texto que mestura a nosa tradición coa preocupación do autor polas clases populares tan presentes nos seus autos. Precisamente esta obra de teatro foi a última de toda a produción teatral de Manuel María.

A edición desta obra teatral completa de Manuel María correu a cargo de Pilar García Negro, unha das máis destacadas e recoñecidas investigadoras do noso sistema literario e lingüístico. Profesora da Universidade da Coruña é unha das voces máis autorizadas dos estudos sociolingüísticos no noso país, entre os que podemos sinalar O galego e as leis. Aproximación sociolingüísticaSempre en galegoDireitos lingüísticos e control político ou De fala a lingua: un proceso inacabado. Ao tempo, no ámbito dos estudos literarios, ten traballado sobre a obra de autores tan diferentes como Rosalía de Castro, Lamas Carvajal, Castelao, Vilar Ponte, Carvalho Calero ou Pilar Pallarés.

Escucha en directo

En Directo COPE RIBADEO

COPE RIBADEO

Programas

Último boletín

12:00H | 22 NOV 2024 | BOLETÍN