INDUSTRIA
O Comité de Empresa de San Cibrao teme que o Goberno "non ten solución para Alcoa"
Enviaron un escrito ao ministerio para que se recolla a figura do "consumidor hiperelectrointensivo"
Madrid - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
O Comité de Empresa de San Cibrao teme que a publicación do texto definitivo do estatuto de enerxía non dea solución ao futuro da industria do aluminio.
“Levamos dende o pasado dous de abril á espera dunha reunión co secretario xeral de Industria, Raul Blanco, reunión que pretendiamos ter antes deste venres, no que se publicará o texto definitivo do estatuto da enerxía mais que hoxe nos confirmaron para o 16 de maio. Agardamos que detrás do atraso da data de reunión ate despois das eleccións xerais non estea o feito de que o ministerio non dispoña de solución para o elevado prezo da enerxía, feito que poría en perigo o futuro de San Cibrao e dos mais de 2.000 postos de traballo directos que esta industria sustenta na Mariña”.
O Comité de Empresa enviou por escrito hoxe ao ministerio a necesidade de que o estatuto que se publicará o vindeiro venres recolla a figura do consumidor hiperelectrointensivo a semellanza da existente noutros países europeos, figura que deberá desenvolverse a posteriori contemplando compensacións en aspectos como son a fiscalidade indirecta, o transporte ou as renovables. Ademais, o texto deberá garantir tamén a certeza das partidas económicas para compensación por CO2.
Compensacións, que de darse, porían ao ministerio en situación de reclamar de Alcoa os seguintes investimentos que o Comité explicará na reunión ao secretario xeral de Industria.
• Adquisición de dous transformadores para as series electrolíticas.
• Instalación do gas en aluminio.
• Modernización da fundición (mesas coada e fornos homoxeneizado)
• Construción dun novo forno de cocción en eléctrodos.
• Adquisición de novos camións de coada e ánodos.
• Construción dunha terceira serie electrolítica.
• Compra dunha segunda descargadora de bauxita e ampliación do porto.
• Nova localización do depósito de barros roxos.
• Ampliación da filtración.
• Modernización do rascador na nave de bauxita.