ENTROIDO
O Entroido de Ribadeo repartirá máis de 4.000 euros en premios
As dez primeiras charangas que se inscriban recibirán unha axuda de 100 euros
Madrid - Publicado el - Actualizado
3 min lectura
A Comisión de Carnaval de Ribadeo repartirá preto de 4.500 euros en premios no Desfile de Entroido que se celebrará o vindeiro martes, 5 de marzo. A organización agarda unha grande participación nesta cita, xa que esa xornada é festivo local en Ribadeo e en moitos outros concellos dos arredores.
O prazo para inscribirse remata o vindeiro luns ás doce da noite. As bases e as fichas de inscrición poden atoparse no facebook EntroidoRibadeo. Desde a organización subliñan que “no que respecta á categoría charanga/comparsa as 10 primeiras en inscribirse recibirán unha achega económica especial de 100 euros cada unha, que se lles entregará en efectivo o mesmo día do desfile, e a maiores contan coa posibilidade de optar a premio”.
Máis de 4.000 euros en premios
Os dorsais serán entregados entre as 15:30 e as 16:30 horas á entrada do Cine Teatro. Todos os participantes deberán estar na avenida Rosalía de Castro cun mínimo de 15 minutos de antelación ao inicio do desfile, previsto para as 17:00 horas.
En total vanse repartir preto de 4.500 euros en premios. Haberá para comparsas ou charangas, carrozas, grupos, parellas de adultos e individuais adultos; e para as categorías infantís en grupos, parellas e individuais. Tamén haberá dous premios especiais, de carácter honorífico, á mellor mascarita. No acto de entrega dos premios coñecerase o nome dos establecementos doadores dos mesmos.
Para comparsas/charangas establécense 5 premios de 500, 400, 300, 200 e 100 euros respectivamente. Para carrozas os premios serán de 400, 200 e 100 euros; para grupos 300, 200 e 100 euros; para parellas de adultos os premios serán de 200, 150 e 100 euros; no caso da modalidade individual os premios serán de 150, 100 e 50 euros.
No caso dos máis pequenos e pequenas os premios para grupos serán de 200, 100 e 50 euros; as parellas recibirán 150, 100 e 50 euros en premios e para a modalidade individual establécense premios de 100, 75 e 50 euros.
A Comisión de Carnaval anima á veciñanza “a disfrutar do Entroido e a saír esta fin de semana despois da Gala, así como a luns aproveitando que ao día seguinte é festivo. Haberá actividade na rúa e tamén na hostalería ribadense, onde se ofrecerán pratos típicos destas datas coma o cocido ou doces coma orellas, rosquiñas ou filloas”. E subliñan que “o desfile deste 2019 será dinámica, divertido e encherá de luz e son as rúas da nosa vila”.
O programa de actividades xa deu comezo a pasada fin de semana coa Festa dos Freixós no Teatro.
VIndeiros actos festivos
Este vindeiro sábado, 2 de marzo, ás 21.00 horas no Teatro continuará a programación coa celebración da Gala do Entroido, que xirará entorno a unha temática concreta: a música. Unha hora antes os membros da Carroza do Entroido sairán do parque de San Francisco caracterizados para a ocasión.
A comparsa do cocho sairá o vindeiro domingo, 3 de marzo, a partir das 12:00 horas e percorrerá as rúas de Ribadeo acompañada polo cuarteto tradicional Illa Pancha. Xa pola tarde a partir das 17:00 horas, tócalles aos máis pequenos, que poderán disfrutar do tradicional baile infantil de disfraces na discoteca Rosa Lar.
O luns, 4 de marzo, haberá pasarrúas a cargo da charanga Aturuxo e ás 22:30 horas será a cea do Entroido no restaurante Marinero, no porto deportivo de Ribadeo.
Xa o martes, 5 de marzo, será o día do gran desfile, que sairá ás 17:00 horas da Avenida Rosalía de Castro para percorrer as principais rúas de Ribadeo e rematar diante do Concello, onde será a entrega de premios. Percorrerá as rúas San Roque, Virxe do Camiño, Avenida de Galicia, José Vicente Pérez Martínez, Avenida de Asturias, Clemente Martínez Pasarón e Dionisio Gamallo Fierros.
E xa o sábado, 9 de marzo, terá lugar a queima do Entroido. Trátase dun dos actos máis destacados do Carnaval de Ribadeo. Ás 21:00 horas sairá a comitiva fúnebre, acompañada de viúvas e viúvos e das charangas Aturuxo, Os Macanudos e Habelas Hainas, das inmediacións do Concello e trasladarase ata a Avenida Rosalía de Castro onde terá lugar a queima do Entroido, seguida dunha sesión de fogos artificiais e da monumental traca.