Mariña |
Los presupuestos del Estado ignoran la Mariña y no hay voces que nos representen
Os investimentos que se prevén non solucionan os problemas da comarca e son os mesmos ca todos os anos, que contribúen a seguir creando desigualdades entre a nosa comarca e outros territorios. É unha pena que con un goberno en minoría, que debe negociar os orzamentos, non haxa quen poña os problemas e necesidades galegas enriba da mesa, como sempre fixo o BNG coa súa representación nas Cortes estatais.
Madrid - Publicado el - Actualizado
3 min lectura
O Bloque Nacionalista Galego na Mariña valora os orzamentos do Estado en relación coa nosa comarca como unha "burla" ás veciñas e veciños que verán como volve quedar "descolgada das inversións, sobre todo en materia de infraestruturas."
"A Mariña segue sen importarlle ao Estado e só conta para faceren caixa", afirman. Manifestan que "o deputado popular no Congreso, supostamente mariñán, Jaime Olano sáenos moi, pero que moi caro a todas as veciñas e veciños da comarca e, desde logo, non paga a pena pagarlle un salario para que cada vez que vai ao Congreso premer un botón sexa para afondar un pouco máis na desigualdade con que trata o goberno central a esta comarca."
O Estado anuncia 4,5 millóns de euros e, entre eles, 875.000€ para a rehabilitación do firme da N-642. "Anuncio que facían xa no 2015 pola mesma cantidade e que utilizaran para poñer a funcionar as máquinas en plena campaña electoral no mes de decembro dese ano sen que ata hoxe volvéramos a saber máis nada."
Ademais, desde a formación nacionalista aseguran que é unha "tomadura de pelo que agora anuncien o remate da autovía Barreiros-San Cibrao para 2021, algo tamén difícil de crer cando aínda andan licitando a redacción de proxectos duns tramos e noutros están co estudo de impacto ambiental."
A portavoz comarcal do BNG, Ana Ermida, asegura que "a débeda do Estado coa Mariña en materia de infraestruturas é eterna, pois xa nos prometeran esta infraestrutura para o 2007, cando a Transcantábrica fora desviada desde Barreiros a Vilalba, deixando desconectada a Viveiro, a terceira poboación mais grande da provincia."
Nen novas infraestrturtas, nen potenciación das existentes
Desde o BNG lamentan que os orzamentos tampouco contemplen a liberalización do dique de Morás para uso comercial, ignorando así o acordo unánime obtido polo BNG no Parlamento de Galiza e, o que é aínda máis grave, "parece que non hai deputadas e deputados galegos que vaian ao Congreso para negociar e defender os intereses de Galiza e da Mariña. Desde o BNG sinalan que "é una pena que con un goberno en minoría, que debe negociar os orzamentos, non haxa quen poña os problemas e necesidades galegas enriba da mesa, como sempre fixo o BNG coa súa representación nas Cortes estatais."
A formación nacionalista afirma que "Portos do Estado segue a ignorar a abundante recadación que obtén nesta comarca a través do porto de San Cibrao (3,5 millóns de euros anuais) e despáchannos coa ridícula cantidade de 43.000€ para boias e radares. Un bo exemplo do desnivelada que está a balanza coa que o Estado pesa e mide o traballo e a aportación desta comarca, parasitándolle todo o seu esforzo", aseguran.
A portavoz comarcal tamén califica de burla "os ridículos 15.000€ que consignan para o noso tren, plasmando orzamentariamente os seus plans para que morra de inanición. Pero, ademais, se imos ás partidas que Fomento adica a outras comunidades en materia de ferrocarril, vemos que coas Illes Balears (onde o xestionan por si mesmos) suscriben un convenio por 3.940.000€ , cos Cabildos Insulares de Tenerife e de Gran Canaria, 860.000€ para cada un deles e para Basauri (Euskadi) 260.000€ para melloras da súa liña (onde tamén xestionan eles o seu ferrocarril). Polo tanto, aseguran que queda claro que a quen mellor lle vai é a quen xestiona por si mesmo as súas propias infraestructuras e os seus recursos."
“Polo tanto, unha vez máis as afirmacións do Partido Popular, por boca da súa presidenta provincial Elena Candia, dicindo que o Executivo Central traballa con lealdade, coordinación e cooperación, demostrando que a nosa provincia está na axenda política dos gobernos do Partido Popular, volven quedar en evidencia cos feitos que se plasman nos orzamentos e tamén cando hoxe mesmo no Parlamento de Galiza se negaron a reclamar a transferencia de Feve á Xunta”, manifestou a portavoz comarcal do BNG, Ana Ermida.