Opinión | "Paso decisivo para ampliar o Hospital da Costa", por José Manuel Balseiro
Madrid - Publicado el - Actualizado
3 min lectura
O Parlamento galego aprobaba esta semana, a iniciativa do Grupo Popular, un mandato á Xunta para que dea o impulso definitivo á ampliación do Hospital da Costa, un dos proxectos máis ambiciosos e esperados polos veciños desta comarca. Desde que Alberto Núñez Feijóo accedeu ao Goberno galego vén traballando nos aspectos técnicos para facer realidade esta complexa actuación, así como en dotar ao proxecto do respaldo orzamentario suficiente para poder iniciar as obras o ano próximo. En tempos de dificultade económica a Xunta foi quen de impulsar iniciativas que outros Gobernos non promoveron en tempos de bonanza: Na primeira lexislatura promoveuse a revisión do plan funcional, que supón un estudo de necesidades do actual centro, licitouse, adxudicouse e redactouse o Plan director, o documento técnico que di como vai a ser o futuro centro e sacou a concurso –o setembro pasado- a redacción do proxecto construtivo e a execución da obra pola que se teñen interesado once grandes empresas construtoras. Este sempre foi un proxecto no que creu o PP pero non as forzas políticas da oposición. Ata tal punto é así que, unha vez máis, PSOE e BNG decidiron absterse e AGE votar en contra da iniciativa no Parlamento. É habitual ver como a oposición se comporta dun xeito desleal co Hospital da Costa. Esta mesma oposición que chegou a dar por feito e peche do centro, a súa transformación nun simple ambulatorio, a alertar sobre que os nenos terían que nacer de camiño a Lugo como fai máis de 30 anos acontecía. Nada máis lonxe da realidade. A deslealdade da oposición nunca foi un obstáculo para que o PP siga con rumbo fixo traballando por facer realidade a ampliación, e non o será tampouco nesta ocasión. Agora, polo menos, todas as forzas políticas recoñecen a necesidade de remodelar o centro e o positivo das obras que, por valor de 2,2 millóns de euros, a Xunta executou durante as dúas últimas lexislaturas do Partido Popular. Lonxe de perder servizos o Hospital da Costa gañou en novas prestacións como a posta en funcionamento da sala de tratamentos de quimioterapia para enfermos de cancro, o servizo de hospitalización a domicilio, adquiríronse novos ecógrafos, dotouse dunha segunda sala de endoscopias, dunha unidade fixa de seguimento do cancro de mama, reformáronse os quirófanos e dotáronse de novos equipamentos de anestesia e remodelouse a área de maternidade e a zona de urxencias, rampla e cuberta… Con todo o máis importante é que en 2016 a Xunta destina unha partida de 1,8 millóns de euros para iniciar as obras. Unha cantidade suficiente para acometer estes traballos segundo a planificación que os técnicos programaron para facer compatible as obras co funcionamento normal do centro. Será unha primeira fase que se prolongará por tres anos e durante os que a Xunta ten habilitado crédito suficiente para ir pagando as obras segundo se executen. Hoxe podemos dicir con seguridade que estamos a un paso, da tan esperada ampliación e remodelación do centro hospitalario público da Mariña lucense. Jose Manuel Balseiro Orol