Un agasallo para Otero Pedrayo

O presidente da Fundación Otero Pedrayo afirma que a concesión do Premio Trasalba a Maribel Outeiriño é un "agasallo a don Ramón, quen estaría feliz con esta decisión"

Juan Maceiras

Ourense - Publicado el - Actualizado

2 min lectura

O presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López Pereira, asegurou que conceder o Premio Trasalba á xornalista Maribel Outeiriño supón o “mellor agasallo para Maribel Outeiriño e tamén para don Ramón, quen estaría feliz con esta decisión”.

Nunha entrevista en Cope Ourense, Eduardo López Pereira sinalou que a xornalista tiña “contacto directo” con Otero Pedrayo polo que “é das poucas persoas que quedan con vida que tivera relación con don Ramón”.

A Fundación Otero Pedrayo fará entrega o domingo, día 30 de xuño, do Premio Trasalba 2024 á xornalista Maribel Outeiriño. A entrega do premio terá lugar na Casa Museo Otero Pedrayo en Trasalba, Amoeiro dende as 11:30 ás 14:00 horas.

Eduardo López Pereira destacou que este acto literario no auditorio da Casa Museo comezará coa intervención de Christian Switek -autor da tradución da obra de Otero ao alemán- que disertará sobre “A novela de Rosalía de Castro vista por Otero Pedrayo desde a perspectiva dun tradutor alemán de Rosalía” e posteriormente terá lugar unha actuación musical a cargo do cantautor Emilio Rúa.

O presidente da Fundación Otero Pedrayo resaltou que na homenaxe a Maribel Outeiriño, a Laudatio a realizará Santiago Lamas e presentaráse o libro “Maribel Outeiriño. Unha fada céltica” a cargo de Susana Reboreda. O acto culminará coa entrega do premio, a intervención da xornalista e, como é tradicional, a lembranza de Otero Pedrayo “un momento moi especial” destacaba Eduardo López Pereira.

Despois do acto de entrega do premio, faráse unha comida de amizade no souto da casa como cada ano desde que se festexa este día. O presidente da Fundación Otero Pedrayo resaltou que é un “acto moi singular” indicando que “actuouse na zona para mellorar todo o entorno”.

GRAN REPERCUSION SOCIAL E CULTURAL

O presidente da Fundación Otero Pedrayo resaltou que o Premio Trasalba ten unha “grande repercusión social e cultural” porque “é unha distinción que a Fundación Otero Pedrayo entrega cada ano para agasallar a unha persoa ou institución que se teña salientado en promover a figura de Ramón Otero Pedrayo ou na defensa e espallamento da lingua e cultura galega”.