III Premio de oratoria en formato podcast "Ramón Otero Pedrayo"
Organizado pola Asociación de Amigos de Otero Pedrayo coa Secretaría Xeral de Lingua e Coren, está dirixido ao alumnado galego dende 15 anos que xa pode participar con pezas en formato podcast ou video
A Asociación de Amigos de Otero Pedrayo entregou o pasado mes de novembro os galardóns ao alumnado galego durante a segunda edición deste premio
Ourense - Publicado el
1 min lectura
A Asociación de Amigos de Otero Pedrayo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Lingua e a cooperativa agroalimentaria Coren, ven de convocar o III Premio de oratoria en formato podcast “Ramón Otero Pedrayo”, dirixido ao alumnado galego que teña entre 15 e 25 anos. O galardón, creado coa idea que a figura de Ramón Otero Pedrayo non sexa esquecida polas novas xeracións, está dotado con tres mil euros, repartidos en tres categorías. O primeiro premio consiste nun ordenador portátil e cincocentos euros en produtos Coren. O segundo premio está dotado con cincocentos euros en produtos Coren e o terceiro en douscentos euros en produtos da citada cooperativa.
Os podcast deberán versar preferentemente sobre temas ligados ao universo oteriano, como o medio natural, a paisaxe, a sostibilidade, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a etnografía, a comunicación oral ou a tradición oral. As pezas que se presenten, en formato podcast ou vídeo, deben enviarse ao correo da asociación (amigos.de.otero.pedrayo@gmail.com) entre o hoxe, día 10 de febreiro e o 25 de xullo deste ano.
A Asociación de Amigos de Otero Pedrayo elixirá o xurado, que estará formado por cinco persoas expertas no campo da comunicación e da cultura e que, ademais de fallar o premio aos mellores traballos e difundilos por todas as canles das que dispón a entidade, seleccionará as mellores pezas non premiadas para poñelas en acceso aberto na súa páxina web ou redes sociais.
O premio resolverase nos meses do verán e darase a coñecer o día 31 de agosto. A entrega dos galardóns será en Trasalba, nun acto que se organizará antes de finais de 2025 e no que haberá unha degustación de produtos Coren que ofrece esta cooperativa no marco da súa colaboración co premio.