Este outono retómanse as escavacións no xacemento romano de Ciadella
O asentamento militar de Sobrado dos Monxes e a única fortificación estable da época romana que se conserva en Galicia canda a de Bande, en Ourense.
Madrid - Publicado el - Actualizado
3 min lectura
Corría o século I d.C. cando comezou a tomar forma Ciadella, un forte de planta rectangular e esquinas redondeadas que se asentou no que agora se coñece como lugar da Igrexa, en Sobrado.
Alí estivo, dende o século II e o IV d.C a cohors I Celtiberorum, dependente da Legio VII Gemina. Esta lexión, con base na actual León, desviou cincocentos homes a Ciadella.
A súa encomenda non era menor: controlar o tránsito entre o porto de Brigantium (A Coruña) e Lucus Augusti (Lugo), unha das capitais da Hispania Romana.
“Logo de conquistar o territorio nas chamadas Guerras Cántabras, os romanos trataron de organizalo e explotalo: aí está o exemplo das Médulas”, explica Rubén Álvarez, arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. No caso, de Ciadella, foi a aparición dunha serie de tellas marcadas cun selo as que permitiron identificar o asentamento da cohors I.
DO ACHADO CASUAL ÁS ESCAVACIÓNS SISTEMÁTICAS
A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, na súa condición de propietaria do xacemento, promoveu nos últimos anos campañas de cara a súa conservación e posta en valor. Dentro do programa FEDER Galicia 2014-2020, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade xa investiu practicamente uns 400.000 € neste xacemento arqueolóxico. Así, de 2016/17 escavouse e consolidouse o sector noroeste da muralla. No bienio seguinte pechouse con valla cinexética e retirouse unha gran estructura metálica que existía no sector oeste e acondicionouse a caseta do interior do xacemento.
Logo, escaváronse varias estruturas, como un barracón ou un celeiro, no sector central do asentamento. “Aquí pareceu un ara dedicada á Fortuna, e no exterior, unha estatua da deusa Minerva”, un par de peculiaridades atopadas en Ciadella, segundo o arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural : “pero en xeral, os romanos eran moi cuadriculados e os campamentos eran moi parecidos porque o exército era moi metódico”.
A cohors estivo ata finais do Século III en Ciadella e despois marchou para Cantabria, segundo a documentación que manexan os investigadores: pero o asentamento tivo unha vida posterior, na etapa tardorromana e mesmo medieval. “Hai unha pequena capela dentro do propio xacemento” que apunta a unha ocupación nos séculos XII e XIII, unha “superposición que foi habitual en Galicia ó longo do tempo, hai moitos castros que despois se convertiron en castelos medievais” lembra Rubén Álvarez.
POTENCIAL TURÍSTICO, ADEMÁIS DE CONSERVACIÓN
Nestes momentos está en período de licitación unha nova intervención no asentamento: no que resta de ano e posiblemente ó longo do primeiro trimestre de 2022, vaise traballar nomeadamente nos
Ciadella pódese visitar xa nestes momentos: puntualmente téñense organizado percorridos guiados, pero Rubén Álvarez recomenda que as persoas interesadas en coñecelo aproveiten o momento en que se retomen os traballos. “Os arqueólogos aí intervindo é un engadido máis”, asegura. Un dos obxectivos desta campaña será ademáis sinalizar, “colocar cartelería con códigos QR, para que a xente que se achegue alí teña información de primera man do que hai”. Tamén se ampliarán as accións divulgativas con obradoiros e a través de redes sociais.
O xacemento atópase a pouco máis dun quilómetro do Camiño Norte a Santiago: de seguro que en canto se incremente a súa difusión, Ciadella hase converter en punto obrigado de parada para os peregrinos, ainda que non poidan selar alí a acreditación como camiñantes a Compostela.