San Xoán A Coruña 2024: este é o dispositivo de seguridade para a noite do 23 ao 24 de xuño

650 persoas velarán pola seguridade nas praias nesta Festa de Interese Turístico Internacional

San Juan 2022

Redacción COPE Coruña

Coruña - Publicado el - Actualizado

5 min lectura

O Concello da Coruña coordinará un dispositivo de seguridade formado por 650 persoas durante a noite de San Xoán, o vindeiro domingo 23 de xuño. A concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, presidiu esta mañá a xunta de seguridade de protección civil, á que asistiron todas ás áreas de goberno, corpos de seguridade e emerxencias, representantes doutras administracións e empresas subministradoras de servizos. O obxectivo foi coordinar o dispositivo especial que se desenvolverá durante a noite de San Xoán, Festa de Interese Turístico Internacional e que congrega cada ano a máis de 150.000 persoas na contorna das praias de Orzán, Riazor e Matadoiro.

O número de persoas mobilizadas para o dispositivo de seguridade será de 650. A reunión, feita por indicación da alcaldesa, Inés Rey, serve para optimizar a coordinación dos distintos equipos durante o conxunto da celebración. Destaca a colaboración entre os diferentes corpos de seguridade como a Policía Local, a Policía Nacional, Bombeiros, Protección Civil ou persoal de Urxencias do 061. O Centro de Mando Móbil volverá estar instalado na Coiraza e o dispositivo comezará oficialmente ás 05.30 horas do día 23. Os cortes de tráfico no paseo marítimo produciranse a partir das 19.00 horas e o baño estará prohibido desde as 22.00 horas.

O dispositivo funcionará a pleno rendemento ata as 06.00 horas do 24 de xuño, cando se desaloxarán as praias para a súa limpeza. Desde o Goberno local inciden na importancia de recoller os residuos no momento que se abandonen as praias, pois está previsto que a pleamar sexa ás 6.39 horas da mañá sen apenas marxe para que poidan actuar os servizos de limpeza. Ademais, este ano a vixilancia reforzarase por segundo ano co uso dos drons da Policía Local.

Na reunión detalláronse os diferentes espazos onde se atoparán os efectivos despregados nesta xornada, manténdose nas localizacións de anos anteriores servizos como o posto médico avanzado da Cruz Vermella ou as 12 cámaras de vixilancia dispostas ao longo do paseo marítimo. Ademais, haberá nas praias un servizo especial de salvamento e socorrismo, que disporá de dúas embarcacións para emerxencias. Haberá a disposición da cidadanía nas praias 120 toneladas de madeira, polo que se prega non se baixe aos areais madeira propia que poida conter elementos perigosos.

A partir do 20 de xuño, a Policía Local comprobará as posibles provisións de madeira. Haberá, de novo, repartición de madeira nos areais a partir das 19.00 horas. Tamén haberá vixiantes de seguridade nos accesos ás praias de Riazor, Orzán, As Lapas e en Punta Herminia, nestes dous últimos espazos para evitar a entrada de persoas, xa que están prohibidas as fogueiras para salvagardar o patrimonio da contorna.

Zonas de exclusión e limitacións nos areais

Por outra banda, non estará permitido realizar fogueiras preto de colectores, vehículos e outros elementos. Tampouco estará permitido o uso de combustibles líquidos nin de acelerantes para prender as cachelas. Está prohibido queimar plásticos, cauchos, rodas, colchóns, madeira lacada, goma espuma e outros obxectos que poidan producir gases tóxicos. Non se permitirá o acceso ás praias con mobles nin obxectos voluminoso, ou madeira que leve puntas ou cravos.

Nas zonas de exclusión non se poderá prender lume de ningún tipo. Ditas zonas son: a totalidade do trazado do oleoduto, e gasoduto de alta presión, o Parque de Bens incluíndo a praia de Bens, o Monte de San Pedro, os Xardíns de Méndez Núñez, os Xardíns de San Carlos, a praza das Bárbaras e a contorna da Torre de Hércules, incluído o merendeiro das Lapas e a praia da Lapas e as calas dos Mouros e de Durmideiras, sen prexuízo de que os servizos de Seguridade poidan designar algunha outra zona baseándose en criterios de protección das persoas e os bens públicos.

Por outra banda, está prohibido trasladar colectores de residuos e cambiar a súa localización debido aos desaxustes que isto causa na recollida de lixo durante os días posteriores á festa.

Tampouco estará permitido baixar con vidro ás praias. Estes residuos deberán depositarse nos puntos habilitados nos accesos aos areais. Non estará permitida a solta de globos de papel, farois chineses ou similares cuxo medio de ascensión sexa o lume.

Transporte público

Establecerase un dispositivo especial de transporte público, consistente en oito liñas especiais que comunicarán os barrios coa praza de Pontevedra. Terán cada unha delas unha frecuencia de 10-15 minutos ata as 02.30 horas. O servizo nocturno estará operativo entre as 03.00 e as 06.30 horas cunha frecuencia de 30 minutos. Os tempos son aproximados e poderían variar en función do tráfico. As liñas que estarán dispoñibles durante a noite de San Xoán serán: 1, 1A, 3, 3A, 6, 7, 11, 21 e unha circular entre a Cidade Vella e Monte Alto (3A). Ademais, o servizo nocturno, con saídas cada media hora, seguirá o seu itinerario habitual. O obxectivo é conectar todos os barrios da cidade coa praza de Pontevedra e permitir un desprazamento cómodo e seguro da cidadanía.

Puntos violeta

Como os dous últimos anos, o Concello da Coruña habilitará tres puntos violeta no Paseo Marítimo. Terán a súa base na zona das Escravas, fronte á Coiraza e na fonte dos Surfeiros, mais, como novidade, serán puntos móbiles, dado que o persoal de atención dos puntos violeta se desprazará polo espazo no que se celebre a festa. Estes puntos son espazos seguros que lle ofrecen información á cidadanía en xeral e asesoramento e atención psicolóxica ás adolescentes e mulleres en materia de violencia machista, sobre todo aquelas relacionadas coa violencia sexual. O horario de atención destes espazos será de 22.00 a 04.00 horas do 24 de xuño.

Temas relacionados

Escucha en directo

En Directo COPE A CORUÑA

COPE A CORUÑA

En Directo COPE MÁS A CORUÑA

COPE MÁS A CORUÑA

Herrera en COPE

Herrera en COPE

Con Carlos Herrera

Lunes a viernes de 06:00h a 13:00h

Programas

Último boletín

12:00H | 22 NOV 2024 | BOLETÍN