Xenerais da Ulla: "O Entroido dá pé a faltarlle o respecto ao compañeiro, pero iso acaba nun viño"

O Entroido tradicional na comarca de Santiago vén cargado de atranques, vivas e encontros dialécticos: as batallas dos Xenerais da Ulla xa enchen Compostela

00:00

Santiago Neira, presidente da Asociación de Veciños de San Xián, en Vedra

Paula Pájaro Rives

Santiago - Publicado el - Actualizado

3 min lectura

“É moi emotivo o encontro, esa loita dialéctica dos Xenerais da Ulla onde sempre se fala ou ben de política ou nos metemos... é Carnaval, podemos meternos con todo. Dá pé a faltarlle o respecto ao compañeiro sen que acabe máis que tomando un viño”. Así de claro cóntanos Santiago Neira como é o espírito do Entroido en Vedra. El preside a Asociación de Veciños San Xián nese concello coruñés onde o sábado, 17 de febreiro teñen unha cita co Entroido tradicional.

Chago, como é coñecido Neira, fálanos do que distingue este Entroido, desas características que o fan especial: “As máscaras que son nosas, o colorido especial e a xente que vai a cabalo, os Xenerais e os Correos, con traxes nosos, coas gorretas cos plumachos...”

Os traxes dos Xenerais son moi vistosos e especiais. Están compostos polo tricorne, un sombreiro de palla e plumas, unha camisa, gravata que adoita ser vermella, a chaqueta ou guerreira, as charreteiras, que son as ombreiras e tamén poden levar unha ou dúas bandas, de España e Galicia. Non faltan a faixa, o pantalón, as botas e a espada que completan o traxe.

A primeira documentación que se ten sobre os Xenerais corresponde aos anos 70 do século XIX. Segundo a propia documentación das asociacións de Xenerais do Ulla: "Non se pode asegurar con certeza a orixe concreta dos Xenerais da Ulla, pero, polas características comúns destas mascaradas, esta hai que buscala nos diferentes enfrontamentos armados que se sucederon na comarca ó longo do século XIX: primeiro a loita contra a invasión francesa e, despois, a revolución do 1846, que rematou coa batalla de Cacheiras, coas tropas de cada un dos bandos percorrendo os espazos en que hoxe se mantén vivo este entroido. As diferentes guerras carlistas que se desenvolveron en España durante o século XIX axudarían, sen dúbida, a crear un abraio colectivo que desembocou na súa ridiculización".

Esta festa está declarada de interese turístico de Galicia.

O 17 de febreiro en Vedra celebrarán o “sábado de piñata”. Chago relata a cantidade de actos que terán lugar, arrancan xa pola mañá para percorrer todas as parroquias do Concello, cunha parada para o xantar popular. Xa no campo da festa terán lugar os atranques pola tarde.

OS COMEZOS DUN XENERAL DA ULLA

No concello de Vedra os veciños implicáronse para recuperar a tradición dos Xenerais noutra parroquia, a de Vilanova, o sábado 3 de febreiro.

Manuel Lobato é un dos que estes días se viste de xeneral para animar o Entroido. Aquí podemos ver tamén as carrozas elaboradas por veciños da propia aldea: unha carroza que é un inferno e todos vestidos de demos, tamén hai outro remolque de tractor coma se fose un zoo, outra carroza que representa á corporación municipal, en forma de parodia... outra que pide a independencia da parroquia polo tema catalán...

Ese é un día de verse todos os veciños as caras, todos colaboran e poñen á disposición da comitiva todo o que precisen: “xa na porta bebida, comida... Ese día ábrenche as portas”.

Manuel comezou nisto con quince ou dezaseis anos e implicouse para volver revivir ese Entroido que, na parroquia, había 40 anos que se deixara de facer: “Un día falando pensamos que era unha lástima que non se fixera... ese tema a min encántame. Por que temos que ir fóra se a nosa parroquia ten potencial? Somos poucos, pero festeiros”.

Iso si, os comezos sempre son para aprender. Manuel recorda a primeira vez que se puxo un traxe de Xeneral: “Eu daquela non tiña besta, prestáranma para ir de Xeneral… o día ese tan pronto subín á besta, subín por un lado e baixei polo outro... non tiña idea de montar a cabalo”. Agora xa é un profesional e desfruta: “Ves que a xente se mete no papel”.

00:00
Manuel Lobato es Xeneral da Ulla en Vedra

-

Temas relacionados

Escucha en directo

En Directo COPE SANTIAGO

COPE SANTIAGO

Herrera en COPE

Herrera en COPE

Con Carlos Herrera

Lunes a viernes de 06:00h a 13:00h

Programas

Último boletín

05:00H | 27 DIC 2024 | BOLETÍN