Hai solución á desfeita no entorno do río Rato? En Lugo non todos o teñen tan claro...
A Deputación intentará reparar coa "máxima celeridade" as consecuencias da borrasca Olivier, mentres que o Concello se prepara para "futuras emerxencias" e o Partido Popular acusa a ambas institucións de falta de previsión e mantemento

Miguel Fernández e José Tomé valoraron os danos no entorno do río Rato e presentaron posibles solucións a curto e medio prazo
Lugo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
Os máximos responsables da Deputación e do Concello de Lugo visitaron este martes o entorno do río Rato, que resultou gravemente afectado polos efectos da borrasca Olivier.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, sinalou que os técnicos provinciais e a empresa Tragsa están a avaliar na zona os desperfectos ocasionados polas intensas chuvias do pasado venres "para reparar coa máxima celeridade as consecuencias desta tormenta, que nos colleu a todos por sorpresa".
ACTUAR "O MÁIS RÁPIDO POSIBLE"
A Deputación activou de inmediato unha folla de ruta solicitando unha intervención de emerxencia á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), xa que "os danos son significativos, especialmente nas pasarelas peonís e no firme do camiño".
"Desde o primeiro momento, mobilizamos os recursos precisos para garantir a seguridade e agardamos contar coa valoración técnica dos custes a vindeira semana", explicou o mandatario provincial.

Operarios da Deputación de Lugo traballando no entorno do Rato
MEDIDAS ANTE FUTURAS EMERXENCIAS
Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou a "resposta coordinada entre Deputación e Concello", e subliñou que "estamos a analizar os puntos críticos afectados polos asolagamentos, co obxectivo de aplicar medidas efectivas como o impulso dun PERTE da auga, que nos permitirá dixitalizar a rede municipal e acceder a datos en tempo real para dar unha resposta máis áxil e eficaz ante futuras emerxencias".
Para garantir a seguridade dos usuarios e usuarias, a institución provincial desviou o tránsito de forma provisional polo carril bici, polo que se recomenda á cidadanía seguir a sinalización indicada.
"DE VERGOÑA" para o partido popular
"Que teña que vir unha tromba de auga para que José Tomé anuncie un plan de actuación para a mellora do río Rato e do seu entorno é de vergoña". Así de contundente se amosou o voceiro provincial do Partido Popular, Antonio Ameijide, tras coñecer o anuncio do presidente da Deputación "logo de 18 anos de abandono" por parte de socialistas e nacionalistas.
O voceiro popular lembrou que "de sobra son coñecidos, e levamos moitos anos denunciando, os problemas cos colectores, os pozos de tormenta ou cos propios cauces e os camiños das zonas verdes".
"De nada serven agora as promesas de solucionar os problemas ou de que van a estar mellor preparados de cara ao futuro porque se en 18 anos non fixeron nada, agora desconfiamos de que vaia a ser diferente", sentenciou.

Os populares Antonio Ameijide e Mar Carballas criticaron á Deputación e ao Concello de Lugo pola súa falta de previsión
No eido municipal, a concelleira popular Mar Carballas tamén quixo valorar o anuncio do alcalde de que "buscará fondos para limpar os ríos e prepararse fronte ás tormentas".
"Pero os lucenses temos memoria: cada vez que hai un problema, chegan as promesas e nunca as solucións", criticou.
Carballas afeoulles tanto a socialistas como a nacionalistas que "ignoraron propostas concretas do Partido Popular en 2017 e en 2024 para mellorar o saneamento e a prevención de riadas".
"Non fixeron nada. E agora, pretenden tapar a súa irresponsabilidade falando de que van pedir novos fondos", sinalou a edila popular.