MONDOÑEDO
Arrincan as Quendas co pregón de Rebeca Maseda
A violinista mindoniense lembrou a súa infancia ante un auditorio abarrotado
Madrid - Publicado el - Actualizado
3 min lectura
As Quendas deste ano 2019 comezaron co pregón dunha persoa ben coñecida para os veciños de Mondoñedo. Trátase da excepcional violinista Rebeca Maseda Longarela, coñecida agarimosamente como 'Keka' pola súa familia e amizades, perosas ben queridas que, por certo, a estiveron arroupando no serán deste luns abarrotando o Auditorio Pascual Veiga.
A pregoeira comezou os seus estudos na Escola Municipal de Música 'O Pallarego' de Mondoñedo, e continuou a súa formación a nivel galego e internacional e colaborando con diferentes agrupacións de renome. De feito, agora mesmo forma parte da Orquesta Sinfónica de Galicia, unha das formacións clásicas máis recoñecidas a nivel estatal.
Pero a festa, por suposto, non remata co pregón. Sen ir máis lonxe, no mesmo escenario do auditorio municipal, este martes 30 de abril ás 22:00 horas está previsto o concerto acústico do artista murciano Blas Cantó, ex vocalista do afamado grupo Auryn e que en solitario suma numerosos éxitos, acadando récords de vendas.
O mércores, día grande
O día grande das festas, o mércores 1 de maio, será a xornada na que gocen de especial relevancia os produtos de proximidade e as razas de gando galego. Dende as 9:00 horas, celebrarase a Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar no Campo da Feira, recinto que este ano acollerá como novidade unha exposición de razas de gando autóctono. Ademais nesta edición, non faltará tampouco a celebración da XXXVI Festa da Empanada, coa venda deste produto na Alameda e a súa degustación nos locais de hostalaría da cidade. A esta actividade gastronómica súmanse a VIII edición da degustación gratuíta de carne de poldro galego, que durante as festas se poderá probar na Alameda e nos negocios hostaleiros da localidade; así como o mercado de produtos do campo galego, que se celebrará tamén o día grande das Quendas.
Miguel Souto cualificou o programa das Quendas deste ano como o “dunha aposta polas tradicións, nunha das feiras de máis tradición”, así, citou tamén a celebración da II xuntanza de vespas, lambrettas e clásicas, que terá lugar o día 1.
Mondoñedo é Poesía... e tamén música
A actividade cultural Mondoñedo é Poesía 2019 desenvolverase o día grande das festas e pretende converter Mondoñedo o día 1 de maio na capital galega da poesía. A iniciativa conta cos tradicionais recitais e o acto central no Auditorio Pascual Veiga ás 18:30horas.
No mesmo escenario do auditorio municipal, o mércores 1 de maio, ás 20:00 horas, actuará A Banda da Loba, formación integrada por cinco mulleres, que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesesas. Destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas, baixo unha estilo que bebe do rock, do pop, ou do folk, entre outros. Neste momento están a presentar o seu primeiro traballo discográfico, “Bailando as rúas”, por toda Galicia. A Banda da Loba resultou gañadora en marzo de 2018 do certame aRi[t]mar de música galega portuguesa.
En canto ás orquestras, poñerán música na Alameda, o martes 30 de abril, as formacións Ritmo Joven e Tekila; e o mércores, 1 de maio, Principal e Combo Dominicano.