Chegar ao Centro Oncolóxico da Coruña é máis doado tras estas obras na contorna
O Concello vén de completar os traballos de accesibilidade accesibilidade na na rúa Doutor Camilo Veiras, principal vía de entrada ás instalacións sanitarias

Centro Oncolóxico da Coruña
Coruña - Publicado el
2 min lectura
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, supervisou este luns as melloras de accesibilidade executadas polo Concello na rúa Doutor Camilo Veiras, unha actuación impulsada co obxectivo de reurbanizar a contorna do Centro Oncolóxico de Galicia atendendo á normativa vixente, coa que se reforzará a seguridade peonil.
Acompañada polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage —responsable do distrito 8—, e pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, a rexedora puxo en valor esta intervención, que supuxo un investimento de máis de 411.000 euros e permitiu remodelar os espazos públicos próximos ás instalacións sanitarias, onde se ampliaron as beirarrúas e tamén a calzada, para permitir o cruzamento simultáneo de dous vehículos e facilitar a circulación de ambulancias e autobuses urbanos.

Visita da alcaldesa á Contorna do Oncolóxico
Ademais, tamén se renovaron as infraestruturas de saneamento e o sistema de iluminación de Doutor Camilo Veiras e fixéronse máis seguros e eficientes. Neste sentido, o Concello aproveitou o plan de melloras previsto na contorna do Oncolóxico para lle dar resposta a outra demanda veciñal na avenida de Montserrat, onde se prolongará a varanda de protección existente no cruzamento con Doutor Camilo Veiras. A varanda xa está solicitada e en fase de fabricación en taller.
Inés Rey fixo fincapé no plan de continuidade sobre o que está a traballar o Concello para darlles resposta ás achegas dos barrios, con medidas a curto, medio e longo prazo. “No caso das rúas de Eirís e Pedralonga vimos de actuar moi recentemente, coa apertura dun novo aparcadoiro público preto da Cidade das TIC, con 55 prazas dispoñibles, e con melloras no firme da rúa Lázaro Cárdenas”, explicou a rexedora.
Terceira actuación rematada das cofinanciadas con fondos Next Generation
As melloras na contorna do Centro Oncolóxico de Galicia forman parte dos 17 proxectos municipais que obtiveron financiamento estatal a través da segunda convocatoria de fondos Next Generation, na que o Concello obtivo fondos por valor de máis de 9 millóns de euros para actuar nos barrios.

Visita na rúa Doutor Camilo Xosé Veiras
Neste sentido, esta é a terceira intervención que se completa dentro das que esixían obra civil, tras concretarse previamente os traballos previstos entre as rúas Bergondo e Casanova de Eirís, no barrio do Castrillón, e na praza Pintor Laxeiro, en Elviña.
Apoio á actividade do Centro Oncolóxico
Na visita deste luns, a alcaldesa recalcou o compromiso do Concello coa actividade que se desenvolve no Centro Oncolóxico de Galicia e lembrou que, a finais do ano pasado, aprobou en Xunta de Goberno a modificación das condicións da concesión administrativa do Hospital Labaca, fogar do centro sanitario. Dado o interese público municipal derivado da súa actividade e as características que reúne a Fundación do Centro Oncolóxico Rexional de Galicia, en novembro acordouse a conversión da concesión a réxime gratuíto.