A Coruña estreita lazos turísticos e gastronómicos con Portugal

O vicepresidente da Deputación mantén unha reunión coa Cámara de Matosinhos para abordar posibles alianzas

Visita a Matosinhos

Redacción COPE Coruña

Coruña - Publicado el - Actualizado

2 min lectura

A Cámara de Matosinhos acolleu a visita do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, que se reuniu coa Vereadora de Comercio, Investimento e Incubación de Empresas, Turismo e Internacionalización, Marta Moura Laranja Pontes. Trátase de compartir proxectos e experiencias de promoción turística e gastronómica, e ver posibles vías de colaboración entre os dous territorios.

A gastronomía é a principal liña de traballo da área de turismo da Cámara de Matosinhos, coincidente coa da entidade provincial. Neste sentido, Regueira presentou a campaña turística e gastronómica ‘A provincia que sabe’, un “paraugas que nos permite mellorar as oportunidades turísticas no territorio, diversificar produto e apoiar ás iniciativas locais”, explicou. “Esta campaña enmárcase na nosa aposta por un turismo responsable, que poña en valor a autenticidade dos destinos e promova experiencias únicas e menos masificadas”.

Pola súa parte, a vereadora salientou os proxectos levados a cabo dende a Cámara de Matosinhos, fundamentalmente no ámbito da gastronomía. Salientou a calidade dos produtos locais e a notoriedade e bo facer dos chefs e restaurantes. Tamén se referiu ás “novas formas de facer e comunicar gastronomía”, dun xeito sostible, con propósito e tendo en conta a preocupación social cada vez maior polo que comemos.

Turismo industrial e dieta atlántica

As estratexias de promoción turística de ambas institucións coinciden, do mesmo xeito que outras liñas de traballo que tamén se trataron na xuntanza, como o turismo industrial, a posta en valor da dieta atlántica e a retención e captación de talento no sector turístico. “A alianza Galiza – Portugal é moi potente, somos complementarios turisticamente e as oportunidades de cooperación transfronteiriza son infinitas”, apuntou Regueira.

Así, Deputación da Coruña e Cámara de Matosinhos, ademais de intercambiar experiencias e analizar retos de futuro, coincidiron na oportunidade “de tender pontes”, identificando vías de cooperación e concretando posibles proxectos conxuntos no eido da promoción gastronómica, entre outros.

Despois da xuntanza na Cámara de Matosinhos, o vicepresidente, acompañado da vereadora e de parte do equipo de goberno, visitou o Mercado Municipal e a Fundación Livraría Lelho.

Temas relacionados

Escucha en directo

En Directo COPE A CORUÑA

COPE A CORUÑA

En Directo COPE MÁS A CORUÑA

COPE MÁS A CORUÑA

Programas

Último boletín

04:00H | 22 DIC 2024 | BOLETÍN