A filloa de Lestedo estréase como Festa de Interese Turístico Nacional
O nove de marzo celébrase o día grande da Filloa en Boqueixón, este ano, irmandada coa Festa do Cocido de Lalín

Alumnado do ciclo de Panadería e Repostería aprendeu a facer filloas con Isabel Tejo
Santiago - Publicado el
5 min lectura
Con doce, con salgado ou simplemente, filloa. É un dos pratos da cociña galega de apariencia sinxela, que enterra as súas raices disque na tradición romana e que en Boqueixón (A Coruña) é dende hai anos, prácticamente unha bandeira. O vindeiro domingo de Piñata, como se vén facendo alí dende hai corenta e dous anos, celebrarase o día grande da Festa da Filloa na parroquia de Lestedo. Non é un ano como outro calquera, porque é o primeiro co recoñecemento pelexado durante anos, a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional. Pero en Boqueixón ninguén se relaxa: no mes que queda ata o día grande, multiplícanse as actividades promocionais. Ademáis, este ano, a Filloa está irmandada coa Festa do Cocido de Lalín, así que haberá desfile de Xenerais da Ulla xa na capital do Deza o 23 de febreiro.

Entrevista en Cope Galicia ao alcalde de Boqueixón
"Representa para nós un espello no que mirarnos, porque é a única festa gastronómica con recoñecemento de Interese turístico internacional", explica a Cope Galicia o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro.
Tanto Rodeiro como o presidente da asociación da Filloa, José Manuel Canabal, destacan que este recoñecemento á Festa da Filloa “é unha posta en valor do traballo e dedicación dos veciños e veciñas de Lestedo, dos nosos pais e nais, das nosas avoas e avós que facían as filloas con faíscas nas súas casas e que agora ven que a súa festa é de Interese Turístico Nacional”.
programación sen pausa ata o 9 de marzo
Na programación arredor da Festa da Filloa danse a man novamente un abano moi variado de actividades. Este ano haberá máis showcookings ca nunca, con cociñeros como Alberto Lareo, Xosé Manuel Mallón ou Alberto Filgueira entre outros. En Boqueixón queren garantir a canteira entre a mocidade, así que o mércores 5 de marzo celebrarase unha nova edición da Escola Filloeira, na que o chef Xosé Manuel Mallón encargarase de aprender os valores culinarios da filloa aos nenos e nenas da localidade, e idades comprendidas entre os 10 e os 18 anos. E o xoves 6 de marzo, nova sesión do “Filloa Accesible”, iniciativa que pretende achegar esta sobremesa a todos os públicos. Desta vez o colectivo convidado son as persoas asociadas a AFEXDI Santiago, asociación para a formación e emprego de persoas con discapacidade intelectual.

Isabel Tejo é unha das filloeiras de Lestedo
A filloa marida tamén moi ben coa música: na véspera do día grande terá lugar a terceira edición do “Filloa Folk”, que este ano reunirá no campo da feira de Lestedo á Parranda de Entroido, Luz de Ilicineo, Os Melidaos e Ailá .
Ademáis, durante o mes de febreiro desenvolverase a quinta edición do Concurso Fotográfico “Filloarte”, onde calquera persoa poderá presentar ata dúas imaxes de elaboración de filloas, presentacións empratadas e creatividades en base ás filloas. As propostas deberán entregarse no mail festadafilloadelestedo@gmail.com e as bases poderán consultarse na web www.festadafilloadelestedo.gal.
dende as 8 da mañá, filloas a discreción
Preto de 2.000 filloas cada hora despachan as máquinas que comezarán a funcionar o domingo 9 de marzo ás 8 da mañá. Porque un ano máis, en Lestedo agardan que a cifra de visitantes ande polos 20.000 devotos. "Dependerá do tempo, pero... por aí andaremos", confía o presidente da Asociación da Filloa. A partir das 11:00 horas, o menú completarase con música, coas distintas agrupacións da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, virán despois os Xenerais da Ulla, nun gran desfile intermunicipal a partir do mediodía no que está prevista a participación de medio cento de Xenerais e Xeneralas de A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra, Vila de Cruces e, por suposto, Boqueixón. A xornalista natural de Lestedo Isabel Pichel será a encargada de dar o pregón, tralo que se imporán os mandís de honra 2025.
Durante toda a xornada poderán degustarse diversos tipos de elaboracións de filloas: á pedra, recheas, salgadas, doces, da máquina filloeira...pero unha das novidades deste ano será o Xantar da Filloa, cun cocido froito do irmandamento coa Festa do Cocido de Lalín. O lazo á celebración será na gran verbena popular da tarde co grupo Origen e a orquestra París de Noia.

Almudena estudia o ciclo de Panadería e Repostería no CIFP Compostela
unha elaboración que casa con todo
A presentación da Festa da Filloa 2025 tivo como escenario o CIFP Compostela, onde o alumnado do Ciclo de Panadería e Repostería recibía unha clase extra de elaboración de filloas da man dunha veterana de Lestedo, Isabel Tejo. "Aquí hai rapaces con moitas ganas de empezar a facer filloas, para quitarme a min o traballo, sin dudalo!" asegura. Ela leva dende pequena, primeiro vendo como as facía súa nai e logo, ela xa ao pé do filloeiro. Para a degustación no Centro de Formación profesional trouxeron o almoado xa listo. Isabel lembra que todos os ingredientes, mesmo a auga, inflúen no sabor da filloa: "a nosa, de Lestedo, de manantial, é espectacular". Recomendación da experta: preparara a mestura dos ingredientes na véspera, para que a fariña "abra, espese, que é o que fai especial o almoado". Todos, agás os ovos, que se engaden prácticamente no último momento antes de poñer a quentar o filloeiro. A proporción que Isabel recita de memoria e que pode empregarse como orientación é de cinco litros de auga, un kilo de fariña, cinco ovos e 20 gramos de sal. "É cuestión de manter a proporción, e se non se fai así, non queda ben a filloa".
Na degustación, o alumnado deixou o listón moi alto coas súas elaboracións: filloas recheas de brandada de bacallao, de salpicón de pescada, de rixóns ou de variado de queixos e salmón. O 9 de marzo, en Lestedo, máis probas de que a filloa casa ben co que se lle queira poñer ao carón.

Filloas recheas de rixóns con queixo e mazá
Contenidos relacionados