Un "médico con conciencia social" e un "mestre da identidade galega": Rafael de Vega e Xesús Alonso Montero serán Fillos Adoptivos de Lugo
A alcaldesa, Paula Alvarellos, propoñerá o seu recoñecemento no próximo pleno municipal, aínda que o nomeamento do intelectual galeguista non contará co apoio do BNG

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, anunciou que o médico Rafael de Vega e o mestre Xesús Alonso Montero serán recoñecidos como Fillos Adoptivos da cidade
Lugo - Publicado el - Actualizado
3 min lectura
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, anunciou este martes que propoñerá no próximo pleno municipal que Xesús Alonso Montero e Rafael de Vega sexan recoñecidos como Fillos Adoptivos da cidade, tal e como adiantou na xunta de voceiros celebrada este martes.
A proposta busca "recoñecer o legado de ambos no eido da sanidade e da educación, dous servizos públicos esenciais para a igualdade e o benestar da cidadanía".
"Trátase de dúas figuras inspiradoras, exemplares e irrepetibles para Lugo pola súa achega en dous campos como o educativo e o sanitario. Vocacións que ademais exerceron cunha clara proxección social. Algo que ademais pon o foco sobre a importancia de loitar non só por manter, senón por incrementar, estes dous servizos públicos, na miña opinión, fundamentais para construír calquera sociedade de benestar", subliñou Alvarellos.
"Distinguir a Rafael de Vega e Xesús Alonso Montero é recoñecer a importancia da sanidade e da educación públicas na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria", destacou Alvarellos.
DE VEGA: "Símbolo da Loita pola xustiza social"
Rafael de Vega foi director do Hospital Municipal de Lugo, onde traballou para mellorar as condicións da asistencia sanitaria e loitou pola creación dun novo hospital.
Ademais do seu labor como médico, foi deputado nas Cortes republicanas, comprometéndose coa mellora dos servizos públicos e coa defensa da igualdade no acceso á sanidade.
A súa traxectoria foi truncada en 1936, cando foi executado polos sublevados franquistas nun acto de represión política.
A súa memoria segue presente na cidade, sendo un símbolo da loita pola xustiza social e os dereitos humanos. A iniciativa para o nomeamento de Rafael de Vega é unha proposta que xurde da propia alcaldesa.

Rafael de Vega
ALONSO MONTERO: "defensor da identidade"
Xesús Alonso Montero exerceu como profesor no IES Lucus Augusti e na Escola de Maxisterio entre 1960 e 1975, converténdose nun referente intelectual e académico en Lugo.
Durante a súa estancia na cidade, foi un activo defensor da cultura e da lingua galega, ademais de impulsar estudos clave sobre figuras da literatura galega.
Posteriormente, ocupou a cátedra de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e foi presidente da Real Academia Galega (RAG) entre 2013 e 2017, consolidando a súa influencia na defensa da lingua e da identidade galega a nivel nacional e internacional.
A proposta da súa distinción chega dun grupo de exalumnos, compañeiros, camaradas e veciños de Lugo.

Xesús Alonso Montero
HAI POLÉMICA: O BNG NON APOIA O NOMEAMENTO
Sobre a proposta de Xesús Alonso Montero, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) anunciou que non apoiará este nomeamento ao tratarse "dunha figura que non crea consenso entre a veciñanza após os seus posicionamentos polémicos en diferentes temas".
Os nacionalistas si que "estarían a favor do nomeamento do doutor Rafael de Vega", como "un recoñecemento máis a unha persoa que sufriu a persecución por razóns políticas e ideolóxicas durante a guerra civil" e "un claro exemplo da represión e da necesidade de manter viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais".
A organización frontista reclama tamén que se avance na "igualdade nos recoñecementos honoríficos da cidade", e reclama "maior esforzo para garantir a presencia de mulleres nestas distincións".
Actualmente, o Concello de Lugo recoñece como Fillos Adoptivos, Preclaros ou Predilectos da Cidade a 23 persoas, entre as que non se atopa ningunha muller.