COPE coñece en Bueu o proxecto de reforma de Banda do Río
No astaleiro de Purro debullamos este proxecto co alcalde, Félix Juncal, o concelleiro de Urbanismo, Martín Villanueva e o cronista local, Arturo Sánchez. Tamén houbo tempo para o proxecto do parque Urbano Lugrís coa concelleira de Mocidade, Carmen García

Pontevedra - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
Este venres, COPE Pontevedra achegouse ata Bueu para coñecer de primeira man o proxecto de reforma da coñecida como Banda do Río. Un proxecto que pretende humanizar o barrio mariñeiro por excelencia deste concello da península do Morrazo, unha vila intimamente ligada ao mar e aos seus oficios.
Un deles, o da construción de barcos, estivo moi presente no noso espazo, xa que gravamos desde as antigas instalacións do estaleiro do Purro, un lugar que foi acondicionado como centro de reinterpretación deste oficio. Neste espazo construíanse embarcacións que despois eran empregadas polos mariñeiros da localidade.

HERRERA EN COPE PONTEVEDRA 12:50
Entre os nosos convidados estivo o alcalde, Félix Juncal, con quen fixemos un percorrido polo proxecto gañador do concurso de ideas e polas implicacións que terá para os veciños a reforma urbana máis ambiciosa da historia do concello. Ese proxecto leva a sinatura das arquitectas Miriam García e María Fandiño, que resultaron gañadoras coa proposta bautizada como Banda da Ribeira. María Fandiño, que tamén nos acompañou neste espazo radiofónico, insistiu na necesidade de abrir este espazo á cidadanía e puxo como exemplo algunhas solucións semellantes levadas a cabo en países do norte de Europa.

MEDIODÍA COPE PONTEVEDRA 13:00
Neste tempo de radio falamos tamén de historia con Arturo Sánchez Cidrás, investigador local e mestre xubilado, que fixo un percorrido pola traxectoria da Banda do Río e o seu peso na idiosincrasia da vila. Con el estivo o concelleiro de Urbanismo, Martín Villanueva, con quen afondamos neste proxecto que aspira a reinterpretar para sempre un dos lugares máis neurálxicos desta vila mariñeira.
Por último, coa concelleira de Mocidade e Cultura, Carmen García, debullamos o proxecto para converter o actual parque das Lagoas no Parque Urbano Lugrís, un espazo que aspira a ser un referente para todas as persoas que practican deportes urbanos como o skate ou o parkour. Ademais —afirma a concelleira— crearase unha gran praza pública, chamada a ser a maior da localidade e un espazo de referencia para a celebración de eventos e feiras importantes.

MEDIODÍA COPE 13:50