O Balneario de Arteixo (A Coruña) terá unhas termas públicas
A Xunta autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Concello para a modernización da Casa de Baños

Balneario de Arteixo
Coruña - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
O Consello da Xunta de Galicia autorizou este luns a sinatura dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Concello de Arteixo para a rehabilitación da Casa de Baños do edificio do Balneario de Arteixo no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea no marco dos fondos Next Generation. O custo da actuación será de 2.867.409,62 €, dos cales a Xunta achegará 2 millóns de euros e o resto será financiado con fondos propios do Concello de Arteixo.
O obxecto do proxecto de rehabilitación e ampliación da Casa de Baños existente é a de dotar o Concello de Arteixo dunha edificación adecuada para o uso e desfrute das augas mineromedicinais existentes nesta zona.
Recuperación do balneario anterior
A actuación que se realizarán permitirá, pois, a recuperación do balneario anterior, modernizando e ampliando a edificación existente e favorecendo a adaptación da Casa de Baños aos novos tempos con novos tratamentos e prestacións dirixidas ao uso cidadán.
Deste xeito, ponse en valor a oferta termal na provincia de A Coruña e en Galicia afianzando esta modalidade de turismo da Comunidade, tal e como recolle a aposta que fai o Goberno galego a través do Plan de turismo termal, que marca a folla de ruta da promoción do destino desde o seu potencial de saúde e benestar.
Así serán as obras
As obras de rehabilitación consistirán no baleirado do volume existente interiormente respectando o exterior, desde o máximo respecto á súa historia e patrimonio edificado. Ademais, ampliarase o edificio xa existente mediante a cubrición do patio exterior, de xeito que este se sumará para acoller unha piscina termal.
A edificación orixinaria data do ano 1760, en que se creou o Balneario con todos os seus elementos, incluída a actual Casa de Baños, que desde esta data sufriu multitude de modificacións ata chegar a actualidade.