O BNG esixe ao Estado que non facilite fondos europeos á futura planta de biometano de Lugo

O deputado Néstor Rego reuniuse este luns en Coeses coa veciñanza dos núcleos de poboación máis afectados polo proxecto

00:00

O deputado nacionalista Néstor Rego reúnese cos veciños de Lugo afectados pola planta de biometano

Baruk Domínguez

Lugo - Publicado el - Actualizado

2 min lectura

O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, visitou Lugo este luns para manter un encontro con veciños dos núcleos de poboación próximos a onde está proxectada a construcción dunha planta de biometano.

Rego afirmou que o Bloque Nacionalista Galego (BNG) seguirá apoiando á veciñanza nas súas mobilizacións en contra deste proxecto e anunciou que traballará "para que o Estado non facilite fondos europeos a esta iniciativa que será nociva para un gran número de veciñas e veciños de Lugo".

Rego estivo acompañado polo portavoz nacionalista no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e por Montse Valcárcel, deputada nacionalista no Parlamento de Galicia.

Informe negativo da Confederación Hidrográfica...

O BNG solicitou no Congreso o informe emitido pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), un documento que valora negativamente o proxecto e que será vinculante para a autorización ambiental da Xunta de Galicia.

O documento da CHMS valora negativamente o sistema proxectado para o tratamento das augas residuais, que non garantiría que os verquidos non supoñan un risco para o medio, "hai que ter en conta tamén que este proxecto se ubicará en terreo rústico de protección forestal, polo que a valoración de impacto ambiental debe ser o máis exhaustiva posible", afirmou Néstor Rego, quen criticou que "ao declarar este proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, redúcense os prazos administrativos, mais o verdadeiramente importante é garantir que esta planta non afecte á calidade de vida da veciñanza nin á biodiversidade da contorna".

...e busca doutras posibles solucións

Pola súa banda, Rubén Arroxo destacou que "desde o BNG seguiremos apoiando ás veciñas e veciños en todos os pasos que den para evitar a construcción desta planta".

Arroxo destacou que desde un primeiro momento, a formación frentista apoiou á veciñanza afectada por este proxecto, colaborando tanto nas mobilizacións como na recollida de centos de alegacións presentadas ao longo do prazo establecido pola Xunta de Galicia.

O portavoz nacionalista criticou que "a declaración deste proxecto como iniciativa empresarial prioritaria supón unha alfombra vermella posta pola Xunta para que esta empresa poida executar o seu proxecto reducindo os trámites administrativos e sen ter en conta a afección que esta planta poida producir ás veciñas e veciños".

Arroxo lembrou que o pasado venres o pleno municipal aprobou por unanimidade instar á Xunta a que promova a paralización da planta de biometanización proxectada en Coeses.

Os nacionalistas piden, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha ubicación alternativa "que non afecte a ningún núcleo de poboación".

Temas relacionados

Programas

Último boletín

04:00H | 22 DIC 2024 | BOLETÍN