Lugo aposta por máis seguridade para camioneiros e transportistas
O alcalde, Miguel Fernández, reuniuse cos colectivos do transporte para avanzar na creación dun aparcadoiro vixiado para camións nas Gándaras, para o que se precisa o apoio da Xunta de Galicia

O concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, fala sobre a mellora da seguridade para camioneiros e transportistas en Lugo
Lugo - Publicado el
1 min lectura
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo esta mañá unha reunión cos representantes das principais asociacións do transporte da provincia: José Fernández, por parte de Tradime; e Diego Arias, presidente de Aetram. Neste encontro déronse pasos adiante na creación dun aparcadoiro vixiado para camións no entorno do parque empresarial e do polígono das Gándaras, unha das principais reivindicacións do sector.
O rexedor estivo acompañado na reunión de traballo polo concelleiro de Urbanismo, Xuventude e Deportes, Jorge Bustos; e polo director xeral de Urbanismo, Hipólito Pérez.
APOIO DA XUNTA DE GALICIA
"Desde o goberno local estamos a facer un seguimento constante das propostas que nos traslada o colectivo de transportistas", explicou o alcalde, quen engadiu que "este proxecto é unha prioridade, e por iso estamos a insistir diante da Xunta de Galicia na súa necesidade estratéxica".
Fernández sinalou que o obxectivo é que "Lugo dispoña dun espazo acondicionado, accesible e seguro, que responda ás necesidades reais das persoas profesionais do transporte e mellore o funcionamento do tecido industrial da cidade", concluiu.