O Conselleiro de Cultura de Galicia sobre a posibilidade de chegar a un pacto pola lingua co BNG: "Non perdo a fe"
O departamento que dirixe José López prepara xa o XACOBEO 2027, aínda que lembra que están pendentes de que o Gobierno Central desbloquee as exencións fiscais para os patrocinadores privados

José López, Conselleiro de Cultura
Santiago - Publicado el
3 min lectura
Continúan en Galicia os traballos dos equipos de expertos encargados de actualizar o plan de normalización lingüística da comunidade. Trátase da folla de ruta, de actualizar o plan xeral da lingua galega: "Agradezo ese traballo altruísta para actualizar un plan que foi elaborado no 2004 cando non existía nin Instagram, nin Twitter". Así é que o Conselleiro de Cultura e Lingua, José López, entende que temos que ser capaces de adaptar as estratexias aos novos tempos.
O plan xeral é un documento "importantísimo" porque marca as estratexias en materia de lingua e que "nos obrigará a aportar os recursos necesarios para implementar esas medidas". Sabendo que non é unha solución máxica, si axudará.
Está o decreto do plurilingüismo no ensino a ser debatido? A Xunta lembra que no ámbito da escola é onde os pequenos adquiren as competencias lingüísticas: "e todos os estudos nos din que esas competencias están equilibradas en lingua castelá e galega. O déficit é o uso social, o coñecemento, témolo. Temos camiño por percorrer na transmisión oral". Segundo López estase perdendo a transmisión de avós ou pais ás seguintes xeracións: "Non negamos que temos que seguir coas medidas de impulso. Pero isto non quere dicir que o decreto non pode ser axustable. O decreto ten 16 anos. O que non imos permitir é que unha formación política poña a condición da súa derogación". Non ten sentido, di López, que un partido minoritario faga esas imposicións.
É posible un pacto co BNG? O Conselleiro manifesta a súa esperanza en que así sexa: "O BNG ten as súas estratexias, politicamente entendibles, aínda que eu non as comparto. Ao final, eu creo que se somos quen de elaborar un bo documento, de ir da man de institucións como o Consello da Cultura, Real Academia Galega, fundacións... teño fe e esperanza en que o BNG acuda a ese gran pacto. Temos esa aspiración".
XACOBEO 2027: "FALTAN AS EXENCIÓNS FISCAIS"
A Xunta está traballando xa de cara a programación do Xacobeo 2027: "Estase a traballar xa con Turismo". E é que os grandes eventos téñense que organizar e programar con antelación: "Con dous ou tres anos de antelación".
Neste 2025 o goberno galego comeza coas estratexias de proxección internacional de cara a esa cita: "É un obxectivo de toda a Xunta. Temos que resolver un problema que xa tiña que estar resolto, neste caso co Goberno Central, como é a cuestión das exencións fiscais dos patrocinios das empresas". Noutros anos falamos de 30 millóns de euros que aportan esas firmas, recursos fundamentais "para organizar o mellor Xacobeo da historia".
Como será o próximo Xacobeo? "Na liña dos últimos, pero con protagonismo da parte cultural. Ir cara a un Xacobeo que permita ser un grande escaparate do gran momento que vive a cultura galega".
a ribeira sacra patrimonio mundial: "son optimista"
A Xunta agarda recibir a noticia do recoñecemento da Ribeira Sacra como patrimonio mundial o ano que vén, 2026. O expediente está xa entregado: "Temos un aliado fiel, o embaixador de España na UNESCO, Miquel Iceta, el tivo unha grande sensibilidade e é unha parte importante porque é o prescriptor desta candidatura".
A documentación está revisada, segundo o Conselleiro: "Chegou o visto bo da UNESCO". Pero anuncia a visita dos técnicos este verán, que visitarán o terreo: "E a partir de aí... eu son moderadamente optimista".